O Premio Antón Losada Diéguez acada a súa 41ª edición e o prazo de presentación das obras remata o 31 de xaneiro

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Os Concellos de Boborás e O Carballiño, coa colaboración económica da Deputación Provincial de Ourense, veñen de convocar a XLI edición do Premio Antón Losada Diéguez, un dos certames literarios e culturais de maior prestixio en Galicia.

O premio, instituído para fomentar a cultura galega e perpetuar a memoria do intelectual Antón Losada Diéguez, está dirixido a autoras e autores que presenten obras escritas orixinalmente en lingua galega, non admitíndose traducións nin traballos xa premiados noutros certames.

Nesta edición poderán concorrer obras de creación literaria ou de investigación e ensaio impresas entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2025, e escritas orixinalmente en galego. A dotación económica total ascende a 12.000 euros, repartidos en dous premios de 6.000 euros cada un.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O prazo de presentación das obras remata o 31 de xaneiro de 2026. As persoas participantes deberán presentar nove exemplares de cada obra, sendo o Concello de Boborás a sede da secretaría técnica e o encargado da instrución do procedemento.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


O xurado, presidido pola alcaldesa do Concello de Boborás, estará integrado por representantes do Concello do Carballiño e de institucións de recoñecido prestixio cultural e académico, como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, o Museo do Pobo Galego, a Deputación Provincial de Ourense e as universidades galegas.

A reunión do xurado terá lugar o 25 de abril de 2026, mentres que a entrega oficial do premio celebrarase o 13 de xuño de 2026 no Pazo de Moldes, no municipio de Boborás.

Con esta nova convocatoria, os Concellos de Boborás e O Carballiño reafirman o seu compromiso coa promoción da lingua galega, coa creación cultural e coa posta en valor dunha figura clave da historia intelectual de Galicia.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------