Ribadavia continúa perdendo habitantes ano tras ano e xa se sitúa por debaixo do limiar dos 5.000 veciños e veciñas, unha circunstancia que ameaza seriamente o futuro económico e social do concello. Ante esta realidade, o grupo municipal do BNG rexistrou unha moción no Concello para impulsar unha resposta coordinada e ambiciosa fronte á despoboación, e qyue finalmente foi aprobada por unanimidade de toda a Corporación ribadaviense na última sesión plenaria.
A iniciativa propón a creación dunha Mesa de Traballo pola Recuperación Demográfica, un órgano plural no que estean representados todos os grupos políticos da corporación, así como o tecido asociativo, comercial e veciñal de Ribadavia. O obxectivo desta mesa sería elaborar un plan integral de recuperación demográfica, adaptado á realidade local e con medidas concretas para atraer e fixar poboación. Desde o BNG sinalan que a perda continuada de habitantes ten consecuencias directas, como a redución do financiamento doutras administracións, a desaparición de servizos públicos e a progresiva erosión do tecido empresarial e comercial. “Ribadavia ten un enorme potencial,
pero atravesa unha situación crítica que require acción política inmediata”, subliñan desde a formación nacionalista.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
A moción pon o foco en tres ámbitos clave: vivenda, emprego e planificación estratéxica. No eido da vivenda, o BNG propón realizar unha análise exhaustiva do parque inmobiliario, crear un catálogo de vivendas baleiras, actualizar o censo de demandantes e aplicar incentivos
fiscais aos propietarios que poñan inmobles en aluguer. Ao mesmo tempo, plantexan penalizacións fiscais para aquelas vivendas que permanezan desocupadas de maneira prolongada e fomentar a rehabilitación de inmobles para uso como residencia habitual. No apartado de emprego, os nacionalistas defenden unha busca activa de empresas que se instalen no parque empresarial, así como medidas para evitar que parcelas continúen baleiras sen uso. Ademais, apostan pola diversificación da oferta de Formación Profesional e pola creación dun novo parque empresarial nunha zona non inundable, co fin de xerar oportunidades laborais estables.
“O futuro de Ribadavia pasa por garantir vivenda accesible, emprego de calidade e unha estratexia compartida entre administración e sociedade civil”, conclúe o BNG, salientando que esta proposta é un primeiro paso para reverter unha tendencia que ameaza a viabilidade do concello a medio e longo prazo.

















