O Concello de Castrelo de Miño vén de presentaro ‘Calendario 2026’, “unha edición moi especial que ten como protagonista a ollada veciñal sobre o noso territorio a nosa memoria colectiva e as nosas tradicións”, tal e como comenta o alcalde do municipio, Avelino Pazos.
A fotografía gañadora da convocatoria “A foto do Espírito Ribeiro”, obra de Samanta Gómez Paz, recolle unha escena tradicional ligada ao traballo e á vida comunitaria arredor do viño, e convértese na imaxe destacada deste calendario, “un reflexo sincero do que somos e do que fomos como comarca e como pobo”, engade o rexedor de Castrelo.
Esta iniciativa, aberta á veciñanza, permite ao Concello a recuperación de fotografías antigas da vendima, das festas, do río, das romarías e da vida cotiá dos pobos do concello, creando un arquivo gráfico que forma parte do calendario municipal.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Na entrega do premio á foto gañadora de Samanta Gómez Paz, acompañaron a Avelino Pazos os representantes dos dous concellos irmáns cos que Castrelo de Miño organiza o ‘Espírito Ribeiro’, a alcaldesa de Cenlle, Rebeca Sotelo e o alcalde da Arnoia, Rodrigo Aparicio, ademais de Juan Rivas, responsable de La 10ª Planta e coordinador do Festival Espírito Ribeiro, poñendo así de manifesto o carácter comarcal e colaborativo desta iniciativa.
O alcalde de Castrelo quixo “agradecer a participación de todas as persoas que compartiron as súas imaxes, grazas por facer do Espírito Ribeiro un proxecto vivo, compartido e con alma”.









