O Belén da Igrexa de Beariz recrea os elementos máis representativos dos pobos do municipio

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Un grupo de veciñas e veciños de Beariz levan a cabo dende hai tres anos a montaxe dun gran Belén completamente artesán no interior da igrexa parroquial de Santa María, na capitalidade municipal. Ademais do Portal co típico nacemento de Xesús e o percorrido dos Reis Magos dende Oriente ata Belén, a singularidade desta instalación do Nadal é a progresiva incorporación de elementos característicos e representativos de cada un dos pobos de Beariz, recreando os seus aspectos máis salientables.

Así, o primeiro ano comezaron coa escenificación “enxebre”, tal e como a califica o párroco, Eladio Rodríguez, dos núcleos de poboación da parroquia de Santa María, como Igrexario, Magros, Alvite, A Bouza ou Muradás, para logo incorporar, ata a actualidade, os correspondentes ás parroquias de Lebozán e Xirazga. Neste último caso, no Belén pode admirarse a recreación da tradicional feira de Doade, na que non faltan as caldeiras das pulpeiras e os postos de alimentación e artesanía habituais nesta cita que se celebra o día 9 de cada mes, do mesmo xeito que tamén se inclúe a praia fluvial de Magros con auga corrente.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Ademais, ao carón do altar da igrexa tamén está ubicada a “Escada da Paz”, unha obra artesanal elaborada en madeira e con estructura de caracol, na que os fregueses pregan polas súas intencions e deixan unha moeda para acender unha das veliñas colocadas nos chanzos. Un dos exemplos do traballo colectivo desenvolto polo grupo artífice desta construción, que se complementa con decorados pintados a man no interior, e tamén na torre exterior deste templo barroco do século XVII e dotada de iluminación nocturna. Un Belén que pode considerarse como unha das xoias do Nadal da nosa comarca e que ten o seu berce na artesanía popular dunha veciñanza comprometida.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------
PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------