Medio Ambiente destinou máis de 160.000 euros á mellora da rede de abastecemento e saneamento en Boborás

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe na contorna da localidade de Brués as obras que está a realizar o Concello de Boborás en materia de saneamento e abastecemento co apoio da Xunta e aproveitou para animar ao conxunto dos concellos galegos a acollerse ás liñas de axudas que Augas de Galicia vai lanzar este ano neste eido por importe de preto de 9,3 millóns de euros. A titular deste departamento autonómico estivo acompañada polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, e a alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, e integrantes do seu goberno municipal.

A responsable autonómica explicou que as distintas achegas buscan apoiar principalmente ás entidades locais -pero tamén nalgúns casos a particulares, comunidades de usuarios de traídas veciñais e entidades sen ánimo de lucro- no exercicio das súas competencias en materia de abastecemento e saneamento. Farano impulsando actuacións que melloren a eficiencia, a sostibilidade e o funcionamento en xeral das redes municipais, garantan solucións axeitadas ao medio rural e reforcen a protección dos ríos galegos.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

En total, son oito as ordes de axudas de Augas de Galicia con convocatoria prevista no primeiro trimestre deste ano para seguir avanzando na súa estratexia de profesionalización da xestión dos recursos hídricos e que supón un incremento orzamentario do 22% con respecto ao paquete de subvencións do pasado ano.

A conselleira explicou que, tras o impulso nos últimos exercicios ás auditorías das redes municipais, este ano incidirase máis nas axudas para actuacións directas. De feito, as dúas liñas de apoios máis importantes son as dirixidas a financiar obras para minimizar as fugas nas redes e as destinadas a reducir as infiltracións de augas brancas (augas limpas naturais que chegan á rede e hai que depurar).

Estas dúas ordes de axudas convocaranse cun orzamento inicial para cada unha de 3,43 millóns de euros, fronte aos 2,5 millóns cos que se publicaron en 2025, é dicir, case un 40% máis de fondos para apoiar aos concellos e ás entidades locais menores na execución de intervencións coas que se responde tamén aos retos do cambio climático, xa que con elas se contribúe a aumentar a resiliencia e a eficiencia dos sistemas hidráulicos fronte a posibles secas e outros episodios extremos.

Auditorías das redes

En todo caso e malia que se porá máis o foco no apoio á execución de obras hidráulicas, Ángeles Vázquez salientou que Augas de Galicia volverá ofrecer un ano máis incentivos económicos para que os concellos poidan encargar estudos de diagnose sobre o estado das súas redes. En concreto, convocaranse axudas para realizar auditorías de abastecemento (cunha dotación de 200.000 euros) e de saneamento (500.000 euros).

Así, os concellos e entidades locais menores interesados poderán optar a un máximo de 15.000 euros para analizar o funcionamento dos seus sistemas de traída municipais co fin de elaborar despois plans de actuación que minimicen as perdas de auga; e tamén terán acceso a incentivos de ata 15.000 euros para localizar posibles infiltracións de augas sen depurar. Estes apoios poderán cubrir o 100% do investimento.

A responsable autonómica subliñou que Augas de Galicia reafirma ademais a súa aposta por dúas liñas estratéxicas que se convocaron como novidade en 2025 co fin fomentar o uso de sistemas de saneamento autónomos e que agora pretende consolidar ata convertelos en instrumentos estruturais da política hidráulica. En concreto e por segundo ano consecutivo, haberá achegas para concellos que aposten por este tipo de solucións en núcleos rurais illados de ata 15 vivendas. O crédito asignado neste caso é de 772.503 euros.

Na mesma liña, tamén se porá á disposición dos propietarios de vivendas unifamiliares axudas co fin de acometer a renovación daquelas foxas sépticas que non cumpran uns obxectivos mínimos de depuración. O orzamento inicial co que se convocarán estes incentivos é de 200.000 euros.

Outra orde de subvencións que volverá a convocar o organismo hidráulico en 2026 será a dirixida a apoiar ás comunidades de usuarios que xestionan e se ocupan do mantemento das súas propias traídas de auga, entidades que normalmente teñen bastantes dificultades para proporcionar un servizo de calidade debido ao elevado custo das melloras e do mantemento deste tipo de instalacións.

Cun orzamento de 500.000 euros, Augas de Galicia cubrirá ata o 80% das melloras nas instalacións de captación, potabilización e almacenamento de auga así como nos sistemas de medición de caudal destas traídas, cun límite de 15.000 euros por solicitude.

Por último e para completar este tipo de actuacións subvencionables que poñen o foco nas infraestruturas hidráulicas, a Xunta apostará tamén pola educación ambiental e a participación cidadá a través dunha orde de axudas dirixida a entidades sen ánimo de lucro con proxectos e actividades que incidan no coidado dos recursos hídricos. Cun crédito de 200.000 euros, o obxectivo é mellorar o estado dos ecosistemas fluviais.

O caso de Boborás

Precisamente ao abeiro das distintas liñas de axudas, o Concello de Boborás realizou diferentes actuacións nos últimos anos para a mellora das redes de saneamento e abastecemento para as que recibiu máis de 160.000 euros entre 2021 e 2025.

De feito, o ano pasado contou cunha achega de máis de 44.000 euros para realizar obras de mellora dos sistemas de abastecemento municipais para evitar perdas e outra dunha contía semellante para optimizar a rede de saneamento, co obxectivo principal de evitar infiltracións. A maiores recibiu en 2024 unha axuda de 6.000 euros para realizar unha auditoría de abastecemento e en 2022 outra de máis de 14.000 euros para unha auditoría da rede de saneamento.

As actuacións que visitou a conselleira teñen como obxectivo rehabilitar un tramo de colector que dá servizo á estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Brués co obxectivo de reducir as infiltracións de augas alleas á rede, mellorar a capacidade hidráulica do sistema e reducir o consumo enerxético da depuración.

Ao mesmo tempo, aproveitarase para dixitalizar as infraestruturas de saneamento municipais para optimizar a xestión e control do ciclo urbano da auga mediante a instalación de sistemas de telecontrol e sensores en estacións de bombeo e foxas de interese.

Reforzo continuado desde 2019

O compromiso da Xunta co proceso de mellora dos sistemas de abastecemento, saneamento e depuración tradúcese desde hai anos nun esforzo continuo por apoiar ás administracións locais e ás comunidades de usuarios particulares na optimización dos sistemas de abastecemento e depuración que lles dan servizo.

Esta colaboración plasmouse no período 2019-2025 en máis de 22,5 millóns de euros canalizados a través de diferentes ordes de subvencións, cun investimento medio superior aos 3 millóns de euros anuais, unha media de arredor de 125 axudas concedidas por exercicio e prestando sempre unha atención especial ás necesidades dos municipios máis pequenos e ao rural galego.

En concreto, só o ano pasado concedéronse un total de 261 subvencións en varias convocatorias cun importe total de 7,6 millóns de euros a concellos, comunidades de usuarios, cidadáns particulares e entidades sen ánimo de lucro.

Colaboración cos concellos

Estas actuacións enmárcanse na colaboración que mantén Augas de Galicia coas entidades locais, que son as competentes en materia de abastecemento, saneamento e depuración, para contribuír a profesionalizar a xestión da auga, garantir o bo estado ecolóxico dos ríos e das rías da comunidade e mellorar a calidade duns servizos que son básicos para a cidadanía.

Así, ese compromiso cos gobernos municipais mantense nos orzamentos de 2026 cunha partida global de 151,7 millóns de euros (un 5,5% máis que en 2025) dos que 7 de cada 10 euros se destinarán a abastecemento e saneamento -108,7 millóns de euros- e case a metade -73,6 millóns de euros-, especificamente a investimentos para mellorar ou construír infraestruturas hidráulicas.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------