A alcaldesa de Boborás remitenos a súa opinión sobre o cambio da Lei de Patrimonio Cultural, e tendo e conta que Boborás é un dos municipios con máis patrimonio da provincia e por tanto dos máis beneficiados por este cambio.
Como alcaldesa de Boborás quero poñer de manifesto o que vai significar para o noso municipio a nova Lei de Patrimonio de Galicia.
Para nós, como Concello, o patrimonio é un pilar fundamental. Forma parte da nosa identidade, da nosa historia e do noso futuro. E os feitos avalan este compromiso: actuacións de conservación, recuperación, posta en valor, humanización de espazos e tamén escavacións arqueolóxicas forman parte do noso traballo continuo.
A nova lei supón un avance moi positivo e necesario, especialmente para concellos rurais, porque simplifica trámites e permite que, en moitos casos, sexan os propios técnicos municipais —arquitectos e arquitectas cualificados— quen poidan informar e autorizar actuacións en inmobles que non son BIC nin bens catalogados.
Isto vai permitir axilizar licenzas, evitar atrasos innecesarios e facilitar a rehabilitación de vivendas tradicionais, mesmo en contornos con presenza de hórreos, cruceiros ou outros elementos etnográficos, sen frear a vida cotiá dos veciños.
Isto non é desprotexer o patrimonio.
Os bens BIC, o patrimonio da Igrexa e os elementos de especial valor seguirán contando cos informes e controis correspondentes. A protección mantense onde debe manterse.
Quero recoñecer a valentía política do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e do conselleiro de Cultura, José López Campos, por escoitar aos concellos e impulsar este cambio tan importante. Sen menosprezar en ningún caso o rigoroso traballo dos técnicos de Patrimonio, que seguirán sendo imprescindibles nos ámbitos máis sensibles e protexidos.
En Boborás témolo claro:
defendemos o patrimonio, poñémolo en valor e tamén defendemos aos nosos veciños e veciñas.
Patrimonio e progreso poden e deben ir da man.
Como dato extra: os nosos proxectos prácticamente nun 90% tiñan que ir a Patrimonio!



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS









