O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá na cidade de Ourense a xoiaría Poppins Jewels, unha das 55 iniciativas empresarias ourensáns beneficiarias do programa Emega de emprendemento feminino, que na última resolución a Xunta destinou máis de 590.000 euros, co fin de ofrecer o maior volume de recursos para favorecer a iniciativa empresarial das mulleres e brindarlles maiores oportunidades para diminuír as fendas de xénero.
O delegado territorial destacou que grazas a estas axudas da Consellería de Política Social e Igualdade, crearanse un total de 65 postos de traballo indefinidos, 55 por conta propia e 10 por conta allea. Nesta liña, concretou que no caso deste proxecto recibiu da unha achega de 14.000 euros destinados á creación dun novo posto de traballo por conta propia e un indefinido por conta allea.
Durante a súa estadía no local, Manuel Pardo recalcou o compromiso do Goberno galego a prol do empoderamento económico e social das mulleres, fomentando o emprego feminino liderado por elas mesmas sendo un dos piares irrenunciables sobre os que se asenta a actividade da Xunta, no marco da igualdade de oportunidades. Por iso, “debemos seguir a incidir no deseño de actuacións específicas que promovan a formación e a ocupación de mulleres, potenciando o seu liderado e iniciativa empresarial”; sentenciou.
Tamén aclarou que a novidade da última orde foi o reforzo de criterios específicos para a concesión das achegas, co obxectivo de prestar un maior apoio a mulleres maiores de 55 anos, a propostas de emprendemento no rural e en sectores masculinizados, así como favorecer a realización de proxectos colaborativos.
O programa Emega
O representante do Goberno galego explicou que o programa Emega comprende axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres. Tamén medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos.
Tamén detallou que a última convocatoria, dotada con máis de 5 millóns de euros, ten catro modalidades de axuda. A primeira delas é Emega Emerxe, con contías de ata 22.000 euros, para apoiar novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea. A segunda, Emega Impulsa, con ata 17.000 euros de subvención, para favorecer a reactivación e a consolidación de empresas constituídas por mulleres, así como a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade. E a terceira modalidade de achega é Emega Innova, con contías de ata 42.000 euros, para o desenvolvemento de iniciativas empresariais con contido científico ou con base tecnolóxica.
Por último, e co obxectivo de favorecer a conciliación, conta cunha axuda complementaria ás tres anteriores, Emega Concilia. Con esta modalidade, cunha contía máxima de 5.000 euros, preténdese dar pasos adiante na conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral tanto das mulleres promotoras da iniciativa empresarial como das traballadoras por conta allea. Esta orde de axudas está cofinanciada nun 60% pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027.

















