A Xunta destinará 6,5 millóns de euros este ano para a contratación de persoas mozas en entidades locais

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, visitou hoxe o municipio de Boborás onde comprobou os labores dun mozo que traballa e adquire experiencia como peón forestal, xunto con outros empregados municipais, grazas aos apoios da Xunta para a contratación das persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, dirixidos a entidades locais e organismos intermedios sen ánimo de lucro.

Alí puxo de relevo, xunto coa alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, o valor deste tipo de apoios da Xunta a prol da empregabilidade xuvenil en servizos necesarios para a cidadanía.  Nesta liña, avanzou que este ano seguirá potenciándoos cunha nova convocatoria dotada con 6,5 M€ cofinanciados pola Unión Europea a través do Programa FSE+ de Galicia 2021-2027.

En relación coa edición do ano pasado, explicou que Boborás é un dos 156 concellos que obtiveron este apoio en Galicia, dos que 43 son da provincia de Ourense e que grazas a eles se puido contratar nas entidades locais a máis de 170 mozas e mozos, 43 na provincia ourensá. Deste xeito, especificou o conselleiro, promóvese que estes mozos e mozas adquiran experiencia profesional cun traballo efectivo, o que favorece a súa integración no mercado laboral e, ao mesmo tempo, a formación e suma de talento. En concreto, estas achegas céntranse en persoas de entre 18 e 29 anos desempregadas, inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia e que son beneficiarias do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Trátase de contratacións a xornada completa por nove meses en labores relacionados cos fins non lucrativos da entidade.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O obxectivo con iniciativas coma esta que apostan pola empregabilidade de colectivos prioritarios como a mocidade, subliñou, é seguir promovendo un mercado laboral dinámico, inclusivo e resiliente. Un mercado laboral, lembrou, que pechou 2025 cos rexistros máis baixos de paro nos menores de 30 anos para un mes de decembro de toda a serie histórica (desde maio de 2005).

Este programa enmárcase na batería de medidas dirixidas a formar e reter o talento da mocidade, englobadas na Estratexia Mocidade Activa. Ao abeiro dela, a Xunta seguirá impulsando outras accións como os incentivos á contratación da mocidade ao abeiro do programa Galicia Suma Talento: Emprégate, que publicará o DOG en próximas semanas. Tamén os programas primeira experiencia profesional, Investigo, entre outros.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------