O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio de BNG nin de PSdeG, a través da que se demanda ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que axilice a autorización de produtos fitosanitarios de eficacia contrastada, especialmente os que xa están autorizados noutros países da Unión Europea. Así mesmo, pídese que se fomente a investigación na industria fitosanitaria para desenvolver novos principios activos e ínstase a que continúe a produción de produtos autorizados de eficacia contrastada.
O deputado popular Juan Casares manifestou que “a produtividade agrícola decae por diversas razóns, entre as que destaca o cambio climático e a actual política ambiental, que propicia a prohibición de produtos fitosanitarios necesarios para garantir uns rendementos mínimos nos cultivos”.
“Para evitar danos ambientais e na saúde pública é necesaria unha revisión constante da efectividade, dos protocolos de uso e dos efectos sobre as persoas e o medio ambiente destes produtos químicos”, sinalou Juan Casares, quen apuntou que “como resultado destas revisións deben ser prohibidos aqueles que resulten perniciosos”. Porén, sinalou que esta prohibición “debe acompañarse da autorización de novos produtos que non teñan efectos negativos co gallo de non deixar desprotexidos aos nosos produtores”.
Neste sentido, segundo os datos do Rexistro Oficial de Produtos Fitosanitarios do Ministerio de Agricultura, nos últimos cinco anos canceláronse 540 produtos, mentres que só se rexistraron 120 novos. A este balance sumáronse tres cuestións: hai produtos eficaces que non se comercializan pola súa escasa marxe comercial; algúns produtos novos autorizados non contan coa efectividade dos anteriores; e existe o compromiso do Pacto Verde Europeo que prevé a redución do uso de fitosanitarios.
“Como resultado desta constelación causal, moitas pragas e enfermidades son máis difíciles de controlar, unha cuestión que compromete non só a viabilidade económica de moitas explotacións, senón tamén a súa capacidade de competir cos produtos procedentes de terceiros países”, sinalou o deputado popular.
Por este motivo, asegurou que “o Goberno de España ten marxe de manobra para mellorar a situación axilizando as autorizacións, posto que hai produtos autorizados na Unión Europea que en España non se poden usar”, e puxo como exemplo principios activos que están autorizados no norte de Portugal que os produtores galegos non poden utilizar.
Juan Casares pediu, ademais, que “se dote de máis recursos ao Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria, co fin de axilizar as liñas de traballo en produtos fitosanitarios, impulsar a investigación na loita biolóxica de pragas e abrir o campo á obtención de novas variedades de cultivo máis resistentes ás pragas e enfermidades”.
“De xeito paralelo, o Goberno de España debe apoiar o mantemento da produción dos fitosanitarios pouco rendibles para a industria química, pola súa escasa marxe comercial, ao tempo que se implementan medidas complentarias como a mellora dos controis nas fronteiras, co gallo de evitar a entrada de pragas procedentes doutros países; apoiar a agricultura de precisión, posto que fai máis eficiente o uso de fitosanitarios; e aumentar o nivel de aseguramento dos cultivos a través da Entidade Estatal de Seguros Agrarios, en colaboración coas comunidades autónomas”, rematou.

















