Os deputados do Grupo Popular Noelia Pérez e Argimiro Marnotes destacaron hoxe o investimento de case 700.000 euros no concello ourensán de San Cristovo de Cea a través do Plan Hurbe, impulsado pola Xunta de Galicia, para a realización de melloras de humanización en varias rúas do casco histórico deste municipio.
Nunha visita realizada en compañía do alcalde de San Cristovo de Cea, Jose Luis Valladares, e co concelleiro de Turismo Turismo, Promoción Económica e Novas Tecnoloxías, José Dalama, os deputados populares destacaron o bo ritmo dos traballos e a importancia das intervencións que se están levando a cabo dentro do Plan Hurbe para mellorar espazos públicos e a calidade de vida da veciñanza. ““Estamos ante unhas obras moi necesarias, que permiten recuperar o corazón desta vila e adaptalo ás necesidades actuais dos veciños”, sinalou Argimiro Marnotes.
Estes traballos, que supoñen un investimento conxunto próximo aos 700.000 euros, inclúen a renovación do pavimento de varias rúas, a mellora da rede de saneamento e o soterramento do cableado aéreo de electricidade, telecomunicacións e alumeado público. O importe destas obras dentro do Plan Hurbe é financiado nun 70 por cento pola Xunta, mentres que o Concello aporta o 30 por cento restante.
Noelia Pérez puxo en valor o Plan Hurbe como “unha ferramenta clave para a revitalización das vilas galegas, a través do que a Xunta aposta por un urbanismo pensado para as persoas, que mellora a accesibilidade, impulsa a economía local e axuda a fixar poboación no interior de Galicia”.
Neste sentido, os deputados destacaron o impacto directo que esta actuación ten para o comercio, a hostalería e o turismo local, en especial no caso do concello de San Cristovo de Cea pola súa localización na Vía da Prata e pola súa proximidade ao Mosteiro de Oseira. “Investir en espazos públicos de calidade é tamén investir en oportunidades para os concellos rurais”, manifestaron.
Durante os meses de maio e outubro do pasado ano, os albergues de Cea e Oseira rexistraron máis de 4.400 persoas aloxadas, unha cifra que reflicte a alta capacidade de atracción desta zona e o bo funcionamento destas infraestruturas. “Estes datos poñen de manifesto a importancia do Camiño de Santiago e do turismo vencellado ao patrimonio, a natureza e a hospitalidade, así como o impacto positivo que ten na economía local e na proxección de Cea e Oseira como destinos vivos e dinámicos”, sinalou Noelia Pérez.

















