O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo unha reunión de traballo co novo presidente do Consello Regulador da IXP Pan de Cea, Juan Luis Calviño e co tenente de alcalde do Concello de San Cristovo de Cea, José da Lama, nun encontro no que se abordou a situación actual deste produto emblemático da provincia e as liñas de colaboración institucional para seguir impulsando a súa promoción e valorización.
Durante a reunión, Menor ensalzou a calidade do Pan de Cea como “un dos grandes emblemas gastronómicos da provincia de Ourense”, destacando que na actualidade son xa 15 os fornos adheridos á Indicación Xeográfica Protexida, cunha produción que está a piques de acadar o millón de quilos anuais, un dato que evidencia a boa saúde do sector e a consolidación da marca.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O presidente provincial subliñou tamén a proxección exterior do produto, sinalando que o Pan de Cea “non só é un referente en Galicia, senón que cada vez ten maior presenza fóra da comunidade e comeza a ser recoñecido e valorado en Europa”, grazas á súa participación en feiras e eventos internacionais, que contribúen a reforzar a imaxe da provincia como destino enogastronómico de calidade.
Menor reiterou o compromiso da Deputación co sector agroalimentario e cos produtos amparados por selos de calidade, poñendo en valor o seu papel como motor económico, xerador de emprego e elemento clave para a promoción do territorio.
Pola súa banda, o novo presidente do Consello Regulador da IXP Pan de Cea agradeceu o apoio constante da Deputación de Ourense ao longo dos anos, destacando a importancia da colaboración institucional para a defensa, promoción e internacionalización dun produto que forma parte da identidade cultural e gastronómica da provincia.









