O Concello do Carballiño reforza a súa aposta pola formación da poboación en materia tecnolóxica. O municipio súmase ao proxecto Reto Dixital, impulsado pola Deputación de Ourense con fondos Next Generation, que inclúe cursos sobre autonomía e seguridade dixital, ferramentas tecnolóxicas e uso de aplicacións de banca, comercio e administración pública. “Son formacións destinadas tanto a persoas de máis de 65 anos como a persoas que están en idade de traballar”, detalla a concelleira de Educación, Lorena Castro.
A poboación interesada xa pode inscribirse de forma gratuíta nos módulos, que se impartirán ao longo do mes de febreiro na aula multiusos da Casa Consistorial. Para formalizar a matrícula é necesario achegarse ao segundo andar do Concello ou chamar ao 678.822.504. Cabe destacar que as prazas son limitadas.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O primeiro curso, titulado “O teu móbil, a miña ventá ao mundo dixital. Conéctate fácil”, está dirixido a persoas de máis de 65 anos. A formación proporcionará as bases de alfabetización dixital a través do correcto uso do teléfono móbil e as das ferramentas de comunicación máis utilizadas. Levarase a cabo os días 9,11 e 13 de febreiro, de 10,30 a 13,00 horas.
O segundo módulo, “Autonomía dixital. Os teus primeiros pasos para trámites e conexión dixital”, ten como obxectivo promover o benestar dixital entre os participantes, tamén maiores de 65 anos. Aprenderán a utilizar ferramentas como aplicacións de saúde, telemedicina ou consulta de resultados e citas, entre outras. O curso impartirase o 16, 18 e 20 de febreiro, en horario de 10,30 a 13,00 horas.
Por último, o Concello oferta o módulo “Transfórmate no teu xestor online: aprende a usar a banca, o comercio e a administración pública”, dirixido a persoas de 18 a 65 anos. Neste caso, o obxectivo é capacitar aos profesionais para o uso da tecnoloxía, promovendo o dereito á desconexión dixital para equilibrar a vida persoal e laboral, reducir o estrés e mellorar a saúde mental. O curso levarase a cabo os días 23, 25 e 27 de febreiro de 10,30 a 13,00 horas.

















