O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de San Cristovo de Cea vén de rexistrar unha petición dirixida á alcaldía do concello, esixindo a constitución da mesa de seguimento do convenio asinado con Augas de Galicia referente á nova EDAR, e inclúa a participación dun membro do grupo municipal do BNG na mesma.
Os concelleiros do BNG, Manuel Pérez Vázquez, María Elvira Fernández Fernández e Rubén González Vázquez, sinalan que o alcalde anunciara o convenio no último pleno ordinario sen informar previamente á oposición nin facilitar ningún tipo de documentación, impedindo calquera aportación que poidera realizar a formación nacionalista e a súa labor de oposición.
Desde o BNG lembran que resulta especialmente grave que esta nova negociación estea a ser encabezada polo mesmo alcalde que xa foi condeado a un ano de prisión e inhabilitado para a xestión de augas residuais por un delito medioambiental, derivado da súa neglixente xestión da anterior EDAR. Aquel caso supuxo o vertido continuado de augas sen depurar ao regato do Toxa, así como un importante custo económico para o concello: máis de 598.000 euros na construción inicial da depuradora, miles de euros en arranxos posteriores e diversas sancións impostas pola Confederación Hidrográfica.
Paradóxicamente, sinala o BNG, agora preséntase un novo proxecto para esa mesma EDAR cun orzamento que supera o millón de euros (1. 013 .933 €), dos cales máis de 200.000 € deberán ser asumidos polo propio concello. Todo isto sen garantías de control, sen participación da oposición e baixo a xestión dun alcalde xa inhabilitado anteriormente polos mesmos motivos.
Ante esta situación, o BNG solicita a inmediata constitución da comisión de seguimento prevista na cláusula 9 do convenio con Augas de Galicia e reclama que se garanta a presenza dun representante do grupo municipal nacionalista nela. “Non é admisible que se repita un modelo de xestión opaco, sen control democrático e excluíndo deliberadamente á oposición”, subliñan desde o BNG.
O Bloque Nacionalista Galego esixe transparencia, acceso á documentación e participación real nos órganos de seguimento para evitar que se volvan cometer os mesmos erros que xa tiveron consecuencias penais, ambientais e económicas para o Concello de San Cristovo de Cea.
















