O martes (día 3) Dano Cerebral Galicia imparte unha charla de ‘Aproximación ao dano cerebral adquirido’ en Piñor

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A sesión informativa, aberta e gratuíta, vai ter lugar o martes 3 de febreiro ás 17:00 no Centro Cultural de Arenteiro.

Falarase das causas, como o ictus, da prevención, das secuelas ou dos recursos de atención a esta discapacidade, que teñen máis de 35.000 persoas en Galicia.

Santiago de Compostela | Piñor, 27/01/2026. Dano Cerebral Galicia, a Federación que reúne as cinco asociacións desta discapacidade que hai na nosa comunidade autónoma, leva o 3 de febreiro a Piñor unha charla que ten como obxectivos informar sobre as causas -como o ictus ou os traumatismos cranioencefálicos-, describir as secuelas, sensibilizar sobre a prevención, e achegar referencias sobre os recursos de atención ao dano cerebral adquirido dispoñibles na contorna da localidade do Carballiño.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Esta sesión informativa está organizada en colaboración co Concello de Piñor, e vai ter lugar o martes 3 de febreiro ás 17:00 no Centro Cultural de Arenteiro. É unha actividade aberta a todo tipo de público, dunha duración estimada de hora e media.

Aínda que a asistencia é de balde, é preciso inscribirse. Este trámite pode realizarse cubrindo este formulario de inscrición ou chamando ao 988 403 217 (Concello de Piñor) ou ao 652 770 653 (Dano Cerebral Galicia).

Identificación e prevención do dano cerebral adquirido

O dano cerebral adquirido é unha discapacidade que teñen en Galicia máis de 35.000 persoas e que está causada na maioría dos casos por un ictus ou por un traumatismo cranioencefálico (derivado sobre todo de accidentes de tráfico, pero tamén laborais, golpes, caídas…). A súa incidencia incrementouse nos últimos anos, e continúa a medrar, especialmente polo aumento de casos de ictus.

Ese aumento está motivado tanto polo envellecemento da poboación como polos cambios nos hábitos de vida (peor alimentación, máis sedentarismo, estrés, e moitos outros), ambos factores de risco do ictus. Ademais, o desenvolvemento da atención médica de emerxencias provoca que se salven vidas que continúan, pero con discapacidade adquirida.

Durante a sesión informativa achegaranse recomendacións para a prevención, así como nocións sobre como identificar un ictus, describiranse as secuelas -moitas delas invisibles, como as condutuais, emocionais ou as cognitivas-, detallando as principais necesidades das persoas e familias con dano cerebral adquirido, e ofrecerase todo o abano de recursos de atención dispoñibles, comezando pola asociación de dano cerebral adquirido máis próxima, DCA Ourense.

Apoio institucional

Ademais do apoio do Concello de Piñor, Dano Cerebral Galicia conta para esta actividade co financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, que se organiza grazas ás persoas que marcan ‘X Solidaria’ na súa declaración da renda.

***

Dano Cerebral Galicia -a Federación galega de asociacións de dano cerebral adquirido- é a entidade que une e representa as cinco asociacións de dano cerebral adquirido que hai en Galicia: A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela e Vigo. Xuntas aglutinan a máis de 2.200 persoas socias.

***

O dano cerebral adquirido é unha discapacidade que está causada case sempre por un ictus (78% dos casos), pero tamén por traumatismos cranioencefálicos, tumores cerebrais, anoxias ou infeccións. Produce unha serie de secuelas -moitas delas invisibles, provocando unha enorme incomprensión- que se manifestan en diferente medida e cantidade en función da persoa, e que impactan a nivel físico, sensorial, cognitivo, condutual, emocional, traendo tamén fondas repercusións a nivel social e económico.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------