A asociación Eirasenda considera que “a protección dos cultivos non pode prevalecer sobre a seguridade das persoas” ao autorizar batidas de xabaril no Ribeiro

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Asociación Cultural Eirasenda vén de remitir á Consellería de Medio Ambiente un escrito no que solicita deste departamento da Xunta de Galicia a adopción de medidas efectivas de vixilancia e inspección da actividade cinexética na comarca do Ribeiro; a actuación de oficio fronte aos incumprimentos das normas de seguridade previstas na Lei 13/2013, sen depender exclusivamente das denuncias particulares; a reviisón das actuais disposicións en materia de sinalización, visibilidade e consumo de alcohol durante as batidas, co fin de establecer obrigas claras e verificables, e, finalmente, que se garanta a protección das persoas viandantes, das vías públicas e dos núcleos rurais fronte aos riscos derivados da práctica da caza maior.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Un escrito que este colectivo cultural presenta “desde unha preocupación fundada pola seguridade pública e polo correcto exercicio das competencias que corresponden á Administración en materia de control da actividade cinexética. Consideran que a resposta dada pola Xefatura Territorial de Medio Ambiente en Ourense as demandas feitas pola asociación respecto da protección dos cidadáns fronte ás batidas e xabaril no Ribeiro “baséase fundamentalmente na enumeración da normativa vixente en materia de caza, mais non dá resposta efectiva á cuestión central formulada por esta Asociación”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

As devanditas demandas facían referencia a inexistente sinalización das batidas e de identificación dos propios cazadores e, tamén, a falta de control sobre o consumo de bebidas alcohólicas por parte destes nas xornadas de caza, entre outros aspectos que entenden poñen en perigo aos viandantes. Os integrantes de Eirasenda, consideran, ademais, na súa réplica á Consellería, que as queixas dos viticultores polos danos do xabaril non poden servir “para relativizar nin invisibilizar os riscos derivados da propia práctica da caza cando esta se desenvolve en contornos habitados, vías públicas e proximidades de núcleos de poboación. A protección dos cultivos non pode prevalecer sobre a seguridade das persoas nin sobre o respecto aos dereitos dos usuarios dos camiños públicos e do medio rural”.

Neste sentido, apuntan que “non abonda con afirmar que existen regras; é preciso garantir que se cumpren. Mais, ademais, cando se constata que determinadas disposicións resultan insuficientes, ambiguas ou de difícil control, a obriga da Administración é promover a súa revisión e mellora”, aparte de avaliar se a norma existente “resulta suficiente para garantir unha protección efectiva da seguridade pública”.

Para maior constancia desta situación, dende Eirasenda comunican que, “con data 3 de febreiro de 2026, se presentou denuncia ante o Posto da Garda Civil do concello de Leiro pola entrada de cans de caza en fincas privadas con rexistro de explotación agrícola e situadas en localidades do devandito concello, feitos que constan acreditados mediante probas gráficas e testemuñais incorporadas á correspondente denuncia”. Ao respecto, manifestan que “estes feitos evidencian que os riscos sinalados nesta queixa non son meramente teóricos, senón que se materializan en incidentes reais derivados da práctica da caza maior en contornos próximos a propiedades privadas e explotacións legalmente establecidas”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------