A Xunta de Galicia organiza este ano un total de 74 mostras este ano nos 18 equipamentos culturais que xestiona directamente. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, nun acto no que, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou o programa As exposicións de 2026 como motor cultural da Galicia Calidade, un conxunto de propostas “que fomentan o acceso á cultura e contribúen á formación da cidadanía, á vez que se presentan como un reclamo para os visitantes á nosa terra”.
Neste senso, o representante do Goberno galego puntualizou que, coa súa actividade, “estes espazos funcionan como un motor cultural esencial na Comunidade, converténdose tamén en grandes referentes a nivel turístico”. Así, destacou, “ofrecemos posibilidades para todos os públicos e intereses, tanto para a sociedade galega como para a xente que nos visita, facendo dos nosos museos e arquivos un grande escaparate da Galicia Calidade”.
Ademais, López Campos sinalou que “seguimos apostando pola tecnoloxía e proxectos dixitais, así como en ser polo de atracción de proxectos internacionais que prestixian a nosa programación, mantendo a posta en valor da creación galega máis senlleira e actual, destacando as nosas figuras máis representativas”. Trátase, explicou, “dun conxunto de grandes e pequenas mostras que impulsan o diálogo social, o valor educativo, a aprendizaxe non formal, a inclusión, a diversidade, e a posta en valor do patrimonio”.
Tal e como se lembrou durante o acto, a cifra total de visitas a estes recintos ao longo do 2025 foi de 635.642 persoas, o que supón un 10,19% máis con respecto ao ano anterior. Tamén se fixo fincapé en fitos importantes, como a designación do Centro Galego de Arte Contemporánea como o mellor proxecto cultural de Galicia en 2025 na clasificación da prestixiosa Fundación Contemporánea, ou os 270.000 participantes que reuniu o complexo do Gaiás nas súas actividades culturais.
A Coruña
Ao abeiro da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude desenvolve a súa actividade en Santiago de Compostela a Cidade da Cultura, que inclúe tres equipamentos. Así, o Museo Centro Gaiás inaugurou hai uns días a súa primeira exposición do 2026, Mundo expandido. Entre o físico e o virtual, que ofrece ao público unha aproximación ás tecnoloxías dixitais contemporáneas. Completarán o seu programa Voces do Pacífico, que reúne 216 obxectos procedentes das coleccións do British Museum, unha das máis relevantes de arte de Oceanía a nivel internacional; unha mostra adicada á arte galega dos séculos XX e XXI; outra centrada na colección de artistas galegos do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, ou a que aborda a tradición da ourivería antiga desde o Neolítico. Ademais, continuará afianzando as itinerancias dos seus proxectos a outros espazos.
Tamén no Gaiás, pódese visitar na Biblioteca Galicia as mostras bibliográficas dedicadas a Castelao ou ao humorista gráfico Siro López. Propostas ás que lle darán continuidade outras baseadas nas efemérides destacadas no Calendario do Libro e da Lectura 2026. A estas iniciativas hai que engadir as do Arquivo de Galicia, no que destaca a homenaxe a Luisa Villalta no seu ciclo Mulleres Sobranceiras.
Aínda na capital galega, o Centro Galego de Arte Contemporánea xa inaugurou o ano con Internalities, o proxecto seleccionado para representar a España na última edición da Bienal de Arquitectura de Venecia 2025. Ao longo dos meses engadiranse outras exposicións a cargo de Lluis Hortalá, Alexandra Ranner, Jannis Kounellis ou o fotógrafo Manolo Laguillo.
Pola súa banda, o Museo das Peregrinacións e de Santiago dálle continuidade a Kumbh Mela. O baño da inmortalidade, e incorporará tres propostas máis, unha do artista Ascisclo Manzano, outra do fotógrafo Tino Martínez e outra que levará os seus fondos á Casa de Galicia en Madrid.
Xa na cidade da Coruña, o Museo de Belas Artes propón como novidades a chegada a Galicia da prestixiosa colección Masaveu, un dos fondos privados máis importantes de España; a mostra Identidades, resultado do acompañamento de trece artistas locais a trece colectivos en risco de exclusión, e unha recompilación fotográfica de Luis Gabú sobre a Habana. Á programación súmase o Arquivo do Reino de Galicia, que este ano se centrará en amosar os gravados que salvagarda.
Outras das citas expositivas atopámola en Padrón, onde a Fundación Camilo José Cela, prepara, entre outras accións, a conmemoración dos 75 anos da publicación de La Colmena ou os 70 anos do primeiro número de Papeles de Son Armadans.
Pontevedra
Na provincia de Pontevedra o Goberno galego xestiona o Museo do Mar de Galicia, en Vigo, onde ademais de completar e enriquecer a súa exposición permanente con máis información e máis pezas, tamén amosará a historia do conxelado en Galicia e unha restrospectiva centrada na relación de artistas arxentinos co mar, en colaboración co consulado de Arxentina na cidade olívica.
Pola súa parte, o Museo Massó, en Bueu, cuxas novas instalacións foron inauguradas no verán, seguirá mellorando o seu contido e os seus espazos durante este 2026 co desenvolvemento dun proxecto de actualización e novas incorporacións ao seu relato sobre a historia dos edificios da conserveira.
No que respecta ao Arquivo Provincial de Pontevedra, presentaranse documentos custodiados no mesmo sobre as mulleres do trapiche na raia miñota ou centrados no papel da muller con respecto ao mar.
Ourense
Mentres, en Ourense, o Museo Arqueolóxico Provincial mantén do ano pasado unha mostra sobre a arte prerrománica nesta zona e programa exhibir as incorporacións de recente ingreso nas instalacións, así como unha proposta que se centra en bens característicos da Idade Media na área do Miño.
Xa en Ribadavia, o Museo Etnolóxico dálle continuidade ás sete mostras que iniciou no 2025 e prepara outras seis relacionadas cos seus obradoiros inclusivos, cos talleres dos libreiros de Ourense, cos oficios en extinción ou con outros traballos de investigación. Tamén o Museo do Viño de Galicia aporta ao programa dúas experiencias que teñen que ver coa etiquetaxe das botellas e coa historia enogastronómica do licor café.
Ademais, o Arquivo Provincial de Ourense homenaxea nos próximos meses a Otero Pedrayo, con motivo do Ano Oteriano, cunha selección dos abundantes testemuños documentais que se conservan neste espazo, e a á xornalista, escritora e editora María Luz Morales, quen fora directora de La Vanguardia.
Lugo
Xa en territorio lucense, forma parte da rede da Xunta o Museo do Castro de Viladonga, en Castro de Rei, no que para o terceiro trimestre do ano se poderá gozar dunha exposición que pretende dar a coñecer o xacemento prehistórico de Ventosiños. Tamén o Conxunto Histórico das Pallozas do Cebreiro, que organiza un percorrido por xoguetes tradicionais documentados na contorna do Camiño de Santiago, a través de reproducións, fotografías históricas, audiovisuais ou debuxos.
Ademais, no Arquivo Provincial de Lugo poderase coñecer a obra de Santy López, un fondo fotográfico doado recentemente a este equipamento.

















