O Concello do Carballiño, a través da Concellería de Cultura, repartirá preto de 8.000 euros entre as mellores comparsas do Gran Desfile de Entroido do martes 17 de febreiro. A convocatoria do concurso, no que se poden anotar todo tipo de colectivos (asociacións xuvenís, culturais, veciñais, grupos e centros educativos, entre outros), permanecerá aberta ata 23,59 horas de mañá, venres 13 de febreiro.
A Concellería entregará oito premios en metálico de 1.300, 1.000, 800, 400, 350, 300, 250 e 200 euros ás oito mellores agrupacións. Ademais, as cinco primeiras comparsas gañadoras contarán cun incremento de 250 euros sempre que participen no desfile da Festa da Cachucha (domingo 22 de febreiro). Tamén se fará entrega de 12 accesits de 120 euros ás comparsas que non acaden ningún dos premios anteriores. Por outra banda, as propias comparsas deberán votar á mellor agrupación, que recibirá un premio especial de 300 euros.
Entre outros puntos, o xurado valorará a orixinalidade, a posta en escena, a empatía co disfrace, o acompañamento musical, o disfrace e maquillaxe, a coreografía ou o número de compoñentes da agrupación. A inscrición das comparsas formalizarase por escrito na sede electrónica do Concello do Carballiño (carballino.gal) ou no rexistro municipal en horario de oficina (de 9,00 a 14,00 horas), tendo en conta que o prazo remata mañá á medianoite.

















