O irmandamento entre O Carballiño e Noventa Padovana motiva ás autoridades deste municipio italiano da rexión de Venecia para a organización dunha actividade didáctica para dar a coñecer a identidade, cultura e tradicións de Galicia á súa veciñanza.
Deste xeito, o vindeiro 4 de marzo, terá lugar ás 20,45 horas, no salón de actos da Villa Valmarana, unha conferencia a cargo do profesor Pedro Basalo, lector de Lingua e Cultura Galega na Universidade de Padua, baixo o epígrafe “Descubrindo Galicia”.
Un acto aberto a toda a cidadanía para que saber máis “dunha rexión fascinante e aínda pouco coñecida”, ao traverso “dunha viaxe pola súa xeografía, lingua, tradicións e o intercambio entre as dúas comunidades”, e no que tamén está prevista unha videoconferencia para saludar aos representantes do Concello do Carballiño. En definitiva, unha ocasión para reforzar o legado cultural que une ambas comunidades.
Dende a Comune de Noventa Padovana salientan os lazos de “amizade e confraternidade” co Carballiño, nados hai dous anos co irmandamento entre as dúas localidades, e que se concretaron na pasada edición da Festa do Pulpo e a súa adicatoria á vila italiana, coa presenza na propia celebración do alcalde, Marcello Bano, e o seu asesor de Comercio, Davide Iafelice.

















