O campo de fútbol de Outeiro Grande, en Maside, foi esta tarde o escenario da entrega do diñeiro recadado no ‘Torneo Solidario de Nadal’, organizado polas Escolas Deportivas Terras de Maside, á Aspadisi, a Asociación de discapacitados intelectuais das comarcas do Carballiño e O Ribeiro. O propio director das Escolas, Juan Romero, foi o encargado de facer a entrega do ‘cheque solidario’ por valor de 700 euros aos representantes da entidade que xestiona un centro ocupacional e unha residencia na vila do Arenteiro.
Un torneo que, na súa séptima edición, se celebraba o pasado 21 de decembro no mesmo estadio de Outeiro Grande coa participación de un total de cinco clubs das provincias de Ourense e Pontevedra en favor de Aspadisi. Así, a competición enfrontou a equipos do Carballiño e O Ribeiro, Club Deportivo Cea, ED Maside (club organizador) e Ribadavia Atlético, con outros dous conxuntos da comarca do Deza procedentes das escolas de fútbol de Lalín e Silleda, sumando un total de 170 xogadores.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Esa xornada deportiva contara cun espectador de excepción, o presidente da Deputación Provincial de Ourense, Luis Menor, que estivo acompañado polo alcalde de Maside, José Manuel Iglesias, para supervisar as obras de remodelación do céspede do propio campo.
Un torneo que plasmou a súa solidariedade na venda de rifas en favor de Aspadisi, ademais da entrega, por parte dos clubes participantes, de alimentos non perecedoiros para a súa donación posterior á agrupación de Cáritas da parroquia de San Vitorio de Maside.









