O BNG reclama ao Goberno a transferencia das vivendas de ADIF en Ribadavia para destinalas a aluguer social

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, visitou Ribadavia acompañado da portavoz municipal do BNG, Maite Rodríguez, do responsábel comarcal, Xabier López Pousa, así como doutros cargos orgánicos e institucionais da organización nacionalista, para reclamar ao Goberno do Estado a transferencia das vivendas titularidade de ADIF no municipio co obxectivo de incorporalas ao parque público de aluguer social.

Durante a visita, o deputado nacionalista anuncia o rexistro de iniciativas nas Cortes do Estado para exixir ao executivo transferir á Xunta de Galiza os dous bloques de vivendas propiedade de ADIF situados nas proximidades da estación de Ribadavia, un total de 12 pisos que permanecen actualmente baleiros e sen uso.

Néstor Rego advirte que “a situación demográfica e social que está a vivir Ribadavia é claramente insostíbel. En menos de dous anos pasou de superar os 5.000 habitantes a situarse arredor dos 4.800, unha perda de poboación significativa que ten moito que ver coa falta de vivenda dispoñíbel”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


O deputado do BNG sinala que “non é de recibo que existan inmóbeis de titularidade pública completamente fechados mentres medra a demanda de vivenda digna. Estamos a falar de 12 vivendas que poderían estar xa cumprindo unha función social fundamental”.

Rego lembra, ademais, que Ribadavia é o primeiro concello da provincia en número relativo de demandantes de vivenda e o terceiro en termos absolutos, só por detrás de Ourense e O Carballiño, “o que evidencia a urxencia de actuar”. Neste sentido, defende que a transferencia destas vivendas permitiría, após o seu acondicionamento, incorporalas ao parque público de aluguer social xestionado polo IGVS e dar resposta inmediata ás necesidades da mocidade e das familias con maiores dificultades.

Pola súa parte, Maite Rodríguez sinala que “Ribadavia conta cunha oferta practicamente inexistente de vivenda en aluguer e carece por completo de vivenda social”. A portavoz municipal recorda que “os plans anunciados pola Xunta, como o Rexurbe, non avanzan ao ritmo que precisa a vila; hai edificios adquiridos hai máis dunha década que aínda non están en funcionamento”.

Segundo explica Rodríguez, “a posta en uso destas vivendas sería unha medida concreta, viábel e de impacto inmediato para frear o despoboamento, facilitar a emancipación da mocidade e permitir o asentamento de novas familias na nosa vila”.

O BNG considera imprescindíbel que ADIF e o Ministerio de Transportes negocien a transferencia destes inmóbeis á Xunta para que sexan destinados a aluguer social, garantindo así que uns recursos públicos actualmente abandonados pasen a cumprir unha función social ao servizo da veciñanza de Ribadavia.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------