O Concello de Piñor vén de informar da realización da actividade “Enredos: xornada de xogos en familia pola igualdade”, con motivo do Día Internacional da Muller, que se conmemora este vindeiro domingo, 8 de marzo.
O tema da igualdade de xénero e a loita por acadar esa igualdade efectiva e real entre mulleres e homes require dunha implicación por parte de tódalas administracións. Máis concretamente, a infancia e adolescencia son un colectivo co que hai que traballar o tema de forma prioritaria, así como coas nais e pais, pois se educamos en igualdade crearemos futuras persoas adultas responsables e respetuosas. Dende o Concello de Piñor son moitas as iniciativas que, ó longo do ano, se levan a cabo neste eido, tanto actividades directamente destinadas ó tema da igualdade como iniciativas de tipo transversal, tratando de incluir o tema da igualdade en diversas actividades infantís de conciliación que se levan a cabo.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O Programa de Educación Familiar, que se leva ofrecendo dende o Concello de Piñor dende o ano 2006, é precisamente un servizo que traballa directamente este tema, tanto coas familias usuarias como nas actividades comunitarias que leva a cabo. Dende devandito programa, financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade e polo FSE Galicia 2021-2027, levarase a cabo a devandita actividade “Enredos”, que terá lugar o vindeiro domingo, día 8, ás 18,00 horas, no Centro Cultural de Arenteiro.
Esta actividade consistirá nunha tarde de xogos coeducativos en familia, xogos tradicionais e cooperativos, entre outros, coa temática da igualdade sempre presente. Unha maneira divertida e lúdica de tratar os estereotipos de xénero e fomentar a igualdade nos cativos e nas familias. A actividade é de balde, e contará con sorpresas e agasallos para os participantes.









