O encoro de Castrelo de Miño acollerá este mes a ‘Liga Galega de Remo Olímpico 2026’ e o ‘Campionato Xunta de Galicia de Traiñeiras de Longa Distancia’

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, acompañado do alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos; o presidente da Federación Galega de Remo, Jose Luis Méndez;  a presidenta do Club Náutico de Castrelo, Beatriz Alberte, e o asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Quique Álvarez, presentou esta mañá na Delegación Territorial a ‘Liga Galega de Remo Olímpico 2026’ e  o ‘Campionato Xunta de Galicia de Traiñeiras de Longa Distancia’ que se desenvolverán no Parque Náutico de Galicia, en Castrelo de Miño.

O delegado territorial explicou que a pista de Castrelo de Miño será a sede da ‘Liga Galega de Remo Olímpico 2026’ que se disputará en 5 xornadas puntuables dende marzo ata novembro. Este sábado 7 de marzo dará comezo coa disputa da primeira xornada na que están previstas ata 32 regatas dende as 10,00 h. ata as 13,30 h. Ao rematar a xornada realizarase a entrega de trofeos aos vencedores de cada categoría da liga de 2025, cuxos resultados poden consultarse en fegar.org/es/pag/liga-remo-olimpico/.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Está prevista a participación dunha ducia de clubes galegos, coa única representación ourensán do Club Náutico Castrelo de Miño, e de clubes convidados de Asturias e do norte de Portugal que non computan para a clasificación da liga. As categorías puntuables para a liga van desde alevín ata absoluta con embarcacións de un e dous tripulantes. Pero ademais das modalidades puntuables para a liga tamén haberá probas para embarcacións de catro e oito tripulantes así como probas para tódalas embarcacións de categoría veterana e de remo adaptado, polo que competirán en Castrelo de Miño en torno a 300 deportistas cada xornada.

Campionato Xunta de Galicia de Traiñeiras de Longa Distancia

O xoves 19 de marzo disputarase o primeiro campionato galego de traiñeiras na modalidade de longa distancia e si o formato de longa distancia xa é unha novidade para as traiñeiras tamén o será que se dispute en auga doce, xa que a sede escollida é o encoro de Castrelo de Miño.

As mellores traiñeiras galegas terán que percorrer unha distancia de 7 km. para as categorías absolutas e 5 km. para as veteranas, nun circuíto de ida e volta cunha única ciaboga para dirimir cales serán as primeiras tripulacións campioas galegas de longa distancia.

O sistema de competición é contrarreloxo, con saídas de minuto en minuto a partir das 11:00 h. e coa seguinte orde por categorías, 1º Veterano Feminino, 2º Veterano Mixto, 3º Veterano Masculino, 4º Absoluto Feminino e 5º Absoluto Masculino.

Este campionato seguro que ofrece imaxes tan espectaculares como inéditas ao tratarse da primeira competición oficial de traiñeiras en Castrelo de Miño. Espérase unha participación de entre 40 e 50 traiñeiras polo que serán máis de medio milleiro os remeiros que se reunirán en Castrelo.

A organización de ambas competicións corre a cargo da Federación Galega de Remo e do Club Náutico Castrelo de Miño que contan co apoio da Xunta de Galicia, Deputación de Ourense e Concello de Castrelo de Miño.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------