Compostela acollerá en xullo un congreso internacional sobre as bandas de música como patrimonio cultural

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Unha colaboración entre a Federación Galega de Bandas de Música Populares e o Grupo Organistrum da Universidade de Santiago de Compostela derivará nun congreso. Este evento terá lugar no Instituto de Investigación en Humanidades (Centro de Estudos Avanzados) e na Cidade da Cultura entre o 9 e o 11 de xullo de 2026. A idea fundamental é poñer en valor a importancia das mencionadas agrupacións musicais nos diferentes ámbitos da sociedade, tanto galega como iberoamericana.

“O patrimonio itinerante: bandas de música galegas entre Europa e América” é o título escollido para un vindeiro congreso que reunirá a musicólogos, directores, compositores e intérpretes. O evento está organizado por Montserrat Capelán Fernández e Javier Gándara Feijóo desde a Universidade de Santiago, así como por Jorge González Rodríguez en representación da Federación Galega de Bandas de Música Populares. No congreso trazarase non só a relevancia das bandas no devir histórico e cultural de Galicia, senón que tamén se reflexionará sobre medidas de protección que urxe adoptar. Paralelamente, serán escoitados integrantes das propias formacións, cuxos testemuños posúen un recoñecido valor: músicos lonxevos, primeiras mulleres que entraron nas agrupacións ou antigos directivos e promotores. Así, xuntarase nun mesmo encontro a investigación musicolóxica coa actividade cotiá das bandas.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Alejo Amoedo Portela (Consello da Cultura Galega), Isabel Ayala-Herrera e Virginia Sánchez-López (Universidade de Jaén), Beatriz Cancela Montes (Xunta de Galicia), David Ferreiro Carballo (Universidad Autónoma de Madrid), Javier Jurado Luque (Conservatorio Superior de Música de Vigo), Ana Maria Liberal da Fonseca (ESMAE – Instituto Politécnico do Porto), Lorena López Cobas (Xunta de Galicia) e Iñigo Sánchez Fuarros (INCIPIT – CSIC) constitúen o comité científico do evento. Trátase de especialistas cunha ampla experiencia nas liñas temáticas do congreso, que abranguen dende os antecedentes das bandas ata os arquivos musicais, pasando polas conexións con Portugal e América ou a profesionalización do sector. O prazo para o envío de propostas de comunicación permanecerá aberto ao público ata o 31 de marzo, podendo atopar toda a información na web da FGBMP (bandas.gal) ou a través do correo electrónico congreso@bandas.gal.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------
PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------