As persoas maiores de Carballeda de Avia teñen a oportunidade de desfrutar do seu día a día nun fogar preto do seu hábitat de referencia, dispoñendo dun completo servizo de hospedaxe e dun amplo programa de actividades complementarias para manter sans corpo e mente.
Trátase da Vivenda Comuntaria ‘Os Muíños’, situada no mesmo centro do casco urbano da capitalidade municipal, cunha superficie de 1.000 metros cadrados construídos, e que dispón de sete habitacións dobres e cinco individuais, de 20 metros cadrados cada unha, dotadas de baño e calefacción, ademais de cociña industrial, ximnasio e servizo de psicoloxía.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Na actualidade residen en ‘Os Muíños’ un total de 12 homes e mulleres, con idades comprendidas entre os 67 e os 82 anos, e que participan en actividades de envellecemento saudable, como obradoiros de memoria, costura, traballos manuais e pintura, e acuden ao balneario dúas veces á semana.
O alcalde de Carballeda de Avia, Luis Milia, salienta o “ambiente familiar” que se respira neste fogar residencial, que os maiores aloxadas desfrutan “coma se estivesen nun hotel de cinco estrelas”, apunta o rexedor. E é que a vivenda é unha solución a situacións que son demasiado habituais na contorna rural de Galicia: que unha persoa se quede soa na súa casa da aldea. “Aquí evítase a soidade e non están apartadas da súa contorna, viven no seu propio municipio”, engade Milia.








