‘Previsel’, Salón da Prevención e Seguridade Laboral, abriu hoxe as portas en Expourense consolidado como o gran punto de encontro profesional de Galicia para formarse e actualizar coñecementos en prevención, seguridade, saúde, benestar laboral e promoción de boas prácticas e que reúne a todos os axentes involucrados na prevención. O obxectivo é acadar a sinistralidade cero a través da anticipación e a prevención para evitar a intervención dos servizos de emerxencia.
Esta 19ª edición ofrece un programa con máis de 50 accións formativas que, no día de hoxe, estiveron ao completo coa participación tanto de profesionais en activo como de estudantes de centros de Formación Profesional de toda a provincia de Ourense e tamén procedentes da Illa de Arousa, de Monforte ou da Coruña. Estes estudantes acudiron a Previsel a participar en actividades concretas segundo a súa formación (emerxencias sanitarias, electricidade, edificación…), pero despois aproveitaron tamén para formarse en primeiros auxilios ou en facer prácticas de RCP impartidos por Cruz Vermella Ourense; en recibir información sobre hábitos saudables no stand da xefatura territorial da Consellería de Sanidade, ou en probar os simuladores virtuais sobre emerxencias dispoñibles no stand dos centros de FP.

Entre as actividades de hoxe destacou o Simulacro de evacuación do recinto con “tirador activo” organizado por TESGALICIA coa colaboración da Policía Nacional e no que participaron técnicos de emerxencias sanitarias de Galicia, Portugal e de Madrid. Este simulacro incluíu o desaloxo dos visitantes a Previsel das instalacións de Expourense coa entrada dunha persoa armada que realizou varios disparos. O simulacro incluía unha persoa falecida e varios feridos. Foi seguido con interese por centos de persoas dende a explanada do recinto feiral. Esta actividade rematou coa visita do helicóptero do 061.
Esta 19ª edición de Previsel foi inaugurada esta mañá nun acto no que participaron o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández; a xerente do Instituto de Saúde e Seguridade Laboral de Galicia (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja; o deputado de Representación Institucional da Deputación provincial de Ourense, Rosendo Fernandez, e o presidente da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), David Martínez.
Durante a súa intervención, o presidente da CEO aproveitou para reivindicar o diálogo social na actualización da Lei 31/1995 de Prevención de Riscos Laborais (LPRL) en España que, segundo indicou, non ten en conta nin o criterio dos empresarios nin o dos gobernos autonómicos que son os que van ter que executar esa lei.
Pola súa parte, o secretario xeral de Emprego fixo referencia ás dúas xornadas formativas organizadas en Previsel polo ISSGA e enmarcadas na Estratexia de seguridade e saúde laboral de Galicia: Horizonte 2027. O obraoidro impartido hoxe abordou os riscos psicosiais e ergonómicos dos traballadores que prestan asistencia a persoas dependentes e que, na súa meirande parte, son mulleres. A xerente do ISSGA indicou que esta actividade serve para poñer en valor, dignificar e profesionalizar este traballo.
O segundo dos seminarios formativos impartidos polo ISSGA terá lugar mañá xoves e estará centrado o novo portal web do ISSGA centrado Traballo seguro con nanomateriais, un proxecto pioneiro en España que recompila información científica e técnica verificada e actualizada sobre os riscos derivados da exposición aos nanomateriais e sobre as medidas preventivas que se deben adoptar para garantir contornas de traballo seguras.
Como é xa habitual dende o ano 2015, a Asociación de Técnicos de Emerxencias Sanitarias e Xestores de Emerxencias de Galicia, TESGALICIA, comezou hoxe as súas xornadas formativas que inclúen unha vintena de actividades dirixidas a persoal sanitario (que asistirá procedente de varios puntos de España e de Portugal) e outras á sociedade en xeral e que apostan pola formación continua dos profesionais. Entre as actividades destinadas ao público xeral, TESGALICIA colaborou na organización da
visita do Helicóptero medicalizado H4, no simulacro de evación ou nos obradoiro de RCP.
A actividade de Previsel incluíu tanto o interior como os exteriores de Expourense. Na explanada de acceso pode verse unha completa exposición de ambulancias e vehículos de emerxencias da Deputación de Ourense, Cruz Vermella, SAMUR, SUMMA 112, a BRILAT, INEM Portugal, Policía Nacional e 061 Galicia. Tamén se pode contemplar a bomba de achique de gran caudal traída pola Axencia Galega de Emerxencias.
Os exteriores do recinto tamén acolleron os obradoiros de extinción de incendios impartidos por Bombeiros de Ourense que tiveron que impartir dous obradoiros pola gran demanda que tivo esta actividade nesta primeira xornada.
Entre as actividades de carácter máis teórico destacou o seminario de CC.OO. sobre Enfermidades Profesionais e o obradoiros sobre a mochila de supervivencia organizado por UGT. Pola súa parte o Sindicato de Enfermería SATSE impartiu a alumnos de enfermeiría un obradoiro sobre accesos vasculares e terapias intravenosas.
O programa de conferencias de hoxe completouse coa mesa redonda na que participaron varios membros da UIFO (Unidade de Investigación de Incendios Forestais) na que se presentaron investigacións reais realizadas nos incendios forestais en Galicia e que estivo organizada pola Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia. Pola súa parte, a empresa Previsonor falou dos riscos do gas Radón tanto no traballo como no fogar.
Previsel 2026 conta co apoio principal do ISSGA e coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense e da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia.
O horario de apertura do salón de mañá xoves, día de peche, será de 10.00 a 14.00 h.














