Nove concellos de Ourense poñen en marcha un proxecto pioneiro para recuperar vivenda baleira no rural mediante tecnoloxía e rehabilitación sostible

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Boborás, 12 de marzo de 2026 – A agrupación de concellos RE-HABITA RURAL LAB, formada por Taboadela, Boborás, San Xoán de Río, Porqueira, Vilariño de Conso, Xunqueira de Espadanedo, Oímbra, Esgos e Coles, inicia a súa fase operativa cun acto de presentación que terá lugar o vindeiro luns.

O proxecto, financiado polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), nace co obxectivo de mobilizar a vivenda baleira no rural a través dunha estratexia innovadora baseada en dous piares:

  1. Asesoramento técnico integral á veciñanza para acceder ás axudas de rehabilitación enerxética.
  2. Creación do primeiro inventario dixital actualizado de vivendas dispoñibles para a súa compra ou alugueiro nos nove municipios.

A singularidade do proxecto reside no seu modelo de gobernanza colaborativa e no uso da tecnoloxía como ferramenta clave. Por primeira vez, nove concellos de distinta cor política unen esforzos para captar fondos estatais e xestionar de forma conxunta solucións ao problema da vivenda, optimizando recursos e desenvolvendo unha plataforma tecnolóxica común.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Durante o acto do luns, os representantes municipais, xunto coa consultora coordinadora e a empresa técnica adxudicataria, explicarán os detalles do inicio dos traballos de mapeo e asesoramento, así como os prazos e canles de atención á cidadanía.

Con esta iniciativa, os nove concellos dan un paso decisivo para rexenerar os seus núcleos de poboación, fixar poboación e loitar contra o despoboamento desde un enfoque sostible e colaborativo, situándose á vangarda das políticas de reto demográfico en España.

  • Que: Presentación dos servizos de apoio á rehabilitación e do novo mapa dixital de vivendas dispoñibles no marco do proxecto RE-HABITA RURAL LAB.
  • Cando: Luns, 16 de marzo, ás 13:00 horas.
  • Onde: Edificio sociocultural Manuel Chamoso Lamas, Evaristo Riande s/n (detrás do colexio), Boborás.
  • Participan: Alcaldes/as dos 9 concellos socios, consultora coordinadora e empresa adxudicataria dos servizos técnicos.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------