A Deputación iniciou a reparación da estrada OU-0306 en Carballeda de Avia que colapsou polo temporal de choivas

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Deputación de Ourense iniciou esta semana os traballos de reconstrución de dous muros de contención en puntos críticos da rede viaria provincial, concretamente nas estradas OU-0504, no concello de Coles, e OU-0306, en Carballeda de Avia. Estas actuacións, derivadas das sucesivas borrascas rexistradas entre os meses de novembro e xaneiro, foron consideradas prioritarias pola súa gravidade, ao comprometer de forma directa a estabilidade da calzada e a seguridade do tráfico.

A Deputación de Ourense incluíu estas dúas actuacións, xunto con outras intervencións na rede provincial, nas memorias xustificativas remitidas ao Goberno de España para optar a financiamento estatal destinado a paliar danos en infraestruturas locais, tal e como informara o presidente provincial, Luis Menor, o pasado 9 de marzo.

Estas actuacións acóllense á declaración de Zona Afectada Gravemente por unha Emerxencia de Protección Civil (ZAGEPC) polos episodios de chuvias intensas rexistrados nos últimos meses. A través desta vía, a institución provincial agarda sufragar parcialmente os custos derivados das reparacións directamente relacionadas cos sinistros meteorolóxicos. Luis Menor subliñou que a Deputación “seguirá traballando para restaurar con rapidez as infraestruturas afectadas e garantir a seguridade e a conectividade en toda a provincia”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

No caso de Carballeda de Avia, iniciáronse xa os traballos de urxencia na estrada OU-0306 San Cristovo–Leiro, onde se rexistrou o deslizamento e colapso do terraplén no punto quilométrico 9+480 provocou o desprendemento dunha parte da calzada e a perda de soporte da plataforma. A gravidade do dano, que supuxo o corte parcial da vía e un risco importante para a seguridade viaria, levou á Deputación a tramitar a obra mediante un contrato menor urxente. O importe da actuación ascende a 42.350,00 euros (IVE incluído) e foi adxudicada á empresa Graexcon Granitos Excavación y Construcción S.L.L.

A segunda intervención urxente estase a executar no concello de Coles, na estrada OU-0504 A Casilla–Barra de Miño, entre os quilómetros 3+080 e 3+120. Neste punto declarouse oficialmente a situación de emerxencia debido á inestabilidade crítica dun muro de contención, que provocou a aparición de gretas superiores aos 3 centímetros e o risco inminente de afundimento da calzada. Esta situación obrigou a ocupar un dos carrís da vía para garantir a seguridade da circulación. A actuación conta cun investimento total de 68.674,19 euros (IVE incluído) e foi adxudicada á empresa Granitos y Obras Mosquera, S.L.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------