A solemne Procesión de Ramos abre os actos da Semana Santa no Carballiño

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Carballiño vivíu hoxe un dos actos centrais da Semana Santa, a celebración da procesión litúrxica de Ramos, que saíu do templo parroquial da Veracruz para percorrer as rúas da vila e na que os grupos de catequesis da Parroquia de San Cibrao foron os principais protagonistas da comitiva.

Centos de persoas, moitas delas chegadas doutros concellos da comarca e tamén doutros puntos da xeografía de Galicia, participaron no itinerario polas rúas Evaristo Vaamonde, Teresa Miras Portugal, Curros Enríquez e Antonio Palacios antes de regresar a nova praza da Veracruz, co acompañamento da banda de guerra da Brigada Lixeira Aerotransportable (BRILAT) ‘Galicia VII’.

A representación institucional da Corporación Municipal do Carballiño correu a cargo dos concelleiros de Turismo e Medio Rural, Manuel Dacal e Miguel Fernández, e da concelleira de Educación, Lorena Castro, que realizaron o percorrido xunto a Rafael Melero, cofrade maior da Confraría da Vera Cruz, entidade organizadora da programación da Semana Santa.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A efixie de Xesucristo na ‘borriquiña’ sitouse fronte ao templo, xusto enrriba da alfombra floral que elaboraron os integrantes da Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas, convidada pola Confraría da Vera Cruz tra-la declaración da Semana Santa do Carballiño como Festa de Interese Turístico de Galicia. O párroco de San Cibrao, Jorge Juan Pérez, levou a cabo a bendición dos ramos e das palmas que portaban os fregueses situados en toda a contorna.

A continuación, tivo lugar no templo parroquial o oficio dunha misa solemne, que contou coa interpretación musical da Coral Polifónica Casino do Carballiño, dirixida por Xaime González Pichel.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Xoves Santo

A seguinte cita do programa desta Semana Santa será o vindeiro 2 de abril, Xoves Santo, coa celebración da Cea do Señor ás 19,00 horas no templo da Veracruz, na que se realizará o tradicional lavatorio dos pés e o traslado do Santísimo Sacramento ao monumento onde permanecerá para a adoración solemne dos fieis.

A continuación, ao fío das 21,00 horas, celebrarase a Procesión Penitencial da Sentenza e da Esperanza, que partindo do propio templo percorrerá as rúas Evaristo Vaamonde, Teresa Miras e Aldara ata a Praza Maior, para retornar ata A Veracruz polas rúas Cesáreo Tizón, Vulcano, Mosquera, Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Antonio Palacios.

Como figuras centrais desta procesión, destacan O Xesús da Sentenza e Misericordia e Nosa Señora da Doce Esperanza, e estarán acompañadas polo tercio de tambores da Legio VII Civitas Limicorum e a banda de música de Celanova.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------