As Casas do Maior de Galicia protagonizan un emotivo encontro en Castrelo de Miño centrado na confraternización e o recoñecemento social
A confraternización, a alegría e o recoñecemento ao labor social foron os grandes protagonistas da xornada celebrada hoxe en Castrelo de Miño, onde as Casas do Maior de distintos puntos de Galicia se reuniron nun encontro cheo de vida, emocións e compañeirismo.
Durante a xuntanza, as persoas asistentes puideron compartir xogos, risas e historias de vida, creando un ambiente cálido e familiar que culminou cun xantar de convivencia e música, poñendo en valor a importancia destes espazos como lugares de coidado, encontro e benestar no rural galego.

O acto contou coa presenza do alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, acompañado pola concelleira de Servizos Sociais, Marisol Alonso, e a traballadora social Inma Victorino, quen quixeron arroupar ás persoas participantes e ás profesionais que fan posible o día a día das Casas do Maior.
No seu discurso, o rexedor destacou “a excelente labor que desenvolven as Casas do Maior no noso rural”, subliñando o seu papel fundamental na loita contra o illamento, a soidade non desexada e na mellora da calidade de vida das persoas maiores. Así mesmo, agradeceu o apoio da Xunta de Galicia e a implicación da conselleira de Política Social, Fabiola García, así como o compromiso e dedicación das directoras destes centros.


Ao encontro asistiron Selene, directora da Casa do Maior “A Lavandeira” de Pazos de Borbén; Ana, directora da Casa do Maior “Loliña de Sá” de Valongo; Paula, directora da Casa do Maior “Teleclub” de Melón; Marta, directora da Casa do Maior de Castrelo de Miño; e Julita, directora da Casa do Maior “Juana Tovar”, tamén de Castrelo de Miño, xunto coas usuarias e usuarios das respectivas casas.

A xornada rematou cunha mensaxe de continuidade e ilusión, xa que o alcalde emprazou ás persoas asistentes a unha nova xuntanza, coa previsión de incorporar a máis Casas do Maior, fortalecendo así esta rede de apoio e convivencia.
Ademais, aproveitou a ocasión para convidar a todas as persoas presentes á quinta edición da Festa do Maior de Castrelo de Miño, que se celebrará o vindeiro 16 de maio, unha cita xa consolidada que busca seguir homenaxeando a quen tanto ten dado á sociedade co seu traballo, esforzo e sacrificio ao longo de toda unha vida e das que se sinte moi orgulloso.









