O BNG de Leiro propón a creación de pistas de pádel públicas para dinamizar o concello

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Leiro presentou unha moción para o vindeiro pleno ordinario na que solicita ao Goberno local a creación e instalación de pistas de pádel públicas na actual pista deportiva do Cruceiro do Olmo. Con esta iniciativa, o BNG busca ampliar a “limitada” oferta de infraestruturas deportivas do municipio e dar resposta a unha demanda social crecente.

A concelleira nacionalista, Rebeca Paz Vázquez, sinala na súa proposta que o pádel se consolidou como unha disciplina ideal para todas as idades, favorecendo tanto o envellecemento activo como o lecer saudable da mocidade. “Actualmente, moitos veciños e veciñas de Leiro vense obrigados a desprazarse a outros concellos para poder xogar, o que supón un gasto engadido e unha perda de dinamismo social para o noso propio pobo”, explica a edil.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A escolla do Cruceiro do Olmo non é casual. Segundo o BNG, este espazo deportivo atópase en desuso dende hai anos. A instalación das pistas de pádel non só cubriría a demanda de deportes de raqueta —dos que Leiro carece hoxe en día—, senón que serviría para “renovar e poñer en valor” unha zona degradada. Ademais, a formación nacionalista destaca o potencial destas instalacións para atraer visitantes da comarca, o que redundaría nun beneficio directo para a hostalería e o comercio local.

A moción presentada por Rebeca Paz inclúe tres puntos clave para a súa posta en marcha. Así, propón “a elaboración dun proxecto técnico de viabilidade e orzamento no Cruceiro do Olmo, a realización dun estudo técnico para avaliar as necesidades reais da instalación, e a procura de vías de financiamento a través de plans de subvencións da Deputación de Ourense ou da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, ou a súa inclusión nos vindeiros orzamentos municipais”.

“Trátase dunha infraestrutura de mantemento sostible e gran versatilidade que se pode usar todo o ano. É hora de que Leiro deixe de quedar atrás en servizos deportivos básicos”, conclúe Paz Vázquez.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------