O pavillón polideportivo de San Cristovo de Cea acollerá o vindeiro 9 de maio, sábado, o ‘Forno da Loita’ ou primeira edición da Velada Concello de San Cristovo de Cea, onde se enfrontarán máis de 100 depòrtistas de toda Galicia nas distintas modalidades de tatami sport e ring sport.

O programa dará comezo as 9,00 horas, pero o inicio da velada non será ata as 19,00, cun total de 10 combates amateurs nos que participarán catro integrantes da Escola Madokoan do Carballiño: Ares Caldera, Yago Brito, Lorena Da Silva e Uxía Teixeira. A sesión puxilística clausurarase coa disputa do título galego neoprofesional de ‘low kick’, cunha pelexa na que se enfrontarán Rodrigo Pires, púxil das escolas deportivas de Viana do Bolo, co vigués Ángel Román, do club El Barrio Kickboxing.
A Escola Madokoan foi a entidade seleccionada polo xurado para recibir o galardón de Deportes na 14ª edición dos Premios Arenteira, tendo en conta a súa traxectoria no Carballiño como centro de ensino de diferentes artes marcíais dende a súa creación nos anos 90 do pasado século. A organización fíxolle entrega do galardón ao fundador e director deste club, Claudio Mateo, na gala dos Arenteira celebrada o pasado 28 de novembro no Auditorio Manuel María do Carballiño.
















