Os concellos de Avión, Beariz, A Lama e Boborás mantiveron unha reunión de traballo con Alfonso Pereira, recentemente designado cónsul honorario de México en Galicia, que contará coa súa oficina na cidade de Ourense.
O encontro, celebrado no Concello de Avión, constitúe unha primeira toma de contacto que foi cualificada como moi positiva polas partes participantes. Durante a reunión abordouse a importancia de poñer en valor e facilitar trámites e xestións en favor da veciñanza emigrada, especialmente relevante nestes municipios, que contan cunha importante presenza de persoas residentes en México.
Na xuntanza participaron os alcaldes Antonio Montero (Avión), Manolo Prado (Beariz), David Carrera (A Lama) e Patricia Torres (Boborás), así como a concelleira Rosy Pérez. O obxectivo foi establecer vías de colaboración e coordinación institucional que permitan mellorar a atención á cidadanía no exterior.
Os representantes municipais destacaron como unha decisión “moi acertada” a localización desta representación consular en Ourense, tendo en conta que a provincia concentra unha das maiores comunidades de emigración galega en México.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Dende os concellos participantes sublíñase o compromiso de continuar traballando de maneira coordinada para achegar servizos, facilitar trámites administrativos e manter viva a conexión coa diáspora galega, reforzando os lazos entre Galicia e México.









