A plataforma en defensa do Camiño da Geira solicita ao Xeodestino Ribeiro-Carballiño “unha revisión inmediata dos seus criterios de promoción turística”

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Asociación Cultural Eirasenda e a plataforma veciñal en defensa do Camiño da Geira e dos Arrieiros ao seu paso pola comarca do Ribeiro expresa a súa profunda preocupación pola liña de actuación desenvolvida pola entidade turística Xeodestino Ribeiro-Carballiño. Lembran que esta entidade, financiada con fondos europeos Next Generation no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, ten como obxectivo declarado consolidar o xeodestino, mellorar a calidade dos servizos turísticos, promover a sustentabilidade ambiental e contribuír á fixación de poboación no territorio, “pero a realidade das actuacións desenvolvidas dista moito destes principios”.

O domingo día 17 no San Amaro: I Mercadillo de Primavera ----------------------------------------------------------------------------------------------------------

E poñen coma exemplo que, recentemente, o Xeodestino promoveu un material divulgativo no que se representan diferentes rutas xacobeas no territorio, como o Camiño Mozárabe–Vía da Prata ou o Camiño Miñoto Ribeiro, e, “sorprendentemente, neste material non se inclúe o Camiño da Geira e dos Arrieiros, unha ruta que conta cunha traxectoria consolidada e cun crecente número de peregrinos, cando cómpre lembrar que este itinerario, que conecta Braga con Santiago e atravesa o Ribeiro por municipios como Cortegada, Ribadavia, Beade, Berán, Lebosende, Pazos de Arenteiro e Beariz, foi recentemente admitido en 2026 como unha das propostas oficiais de Camiños a Santiago”. E apuntan que “os datos son claros: desde 2017, máis de 8.000 peregrinos teñen percorrido esta ruta, cun incremento progresivo e sostido. Só no pasado mes de abril rexistráronse 68 peregrinos, cifras moi superiores ás doutras rutas que si aparecen no citado material divulgativo”.

Para o colectivo veciñal “resulta difícil entender que unha ruta con estes datos, recoñecemento institucional e impacto real no territorio non estea incluída nun folleto que pretende representar a oferta xacobea da comarca, máis aínda cando o presidente da entidade, Francisco José Fernández, non pode alegar descoñecemento desta realidade, posto que é coñecedor de que o Camiño do Geira Arrieiro figura entre as oito propostas de camiños e proxectos de camiños culturais a Santiago, destacando como un dos itinerarios máis transitados”. E salientan que, “así mesmo, este camiño foi xa incluído pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia como un ‘itinerario cultural’ dos Camiños Xacobeos, polo que resulta evidente que a entidade non pode ignorar esta circunstancia”.

Por outra banda, queren denunciar o que consideran “unha xestión pouco eficiente dos recursos públicos. Estanse a realizar investimentos en melloras estéticas en marquesinas de autobús ao longo das parroquias do Ribeiro, incluíndo renovacións de materiais e acondicionamento de espazos. Non obstante, estas actuacións resultan paradoxais nun contexto no que moitas destas paradas carecen dun servizo regular de transporte público. Mellorar as infraestruturas sen garantir o servizo básico ao que están destinadas supón, ao noso xuízo, unha utilización pouco coherente dos fondos públicos. Se o obxectivo é mellorar os servizos e a calidade de vida da poboación, cómpre priorizar a existencia dun transporte público funcional e accesible antes que intervencións de carácter meramente estético”.

Desde o colectivo entenden que só a través dunha planificación rigorosa dos recursos e dunha verdadeira ordenación do territorio poden xurdir solucións sostibles e duradeiras para o desenvolvemento do Ribeiro. Ao respecto, apuntan que “a mellora do asentamento da poboación, a dinamización económica e a valorización do patrimonio non poden depender de actuacións illadas ou descoordinadas; pola contra, requiren unha estratexia global que integre iniciativas como a posta en valor de rutas xacobeas consolidadas, a mellora dos servizos públicos e a xestión equilibrada dos recursos.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Engaden que “un territorio sen planificación convértese, inevitablemente, nun espazo vulnerable á especulación. A ausencia de criterios claros facilita que intereses alleos ao ben común se apropien dos recursos e condicionen o desenvolvemento local en función de obxectivos puramente económicos. Neste sentido, consideramos que a falta de coherencia nas actuacións actuais non só limita o potencial do Xeodestino, senón que tamén pode contribuír a un modelo de desenvolvemento desordenado e prexudicial para o futuro da comarca”.

A plataforma na defensa do Camiño da Geira considera que estas decisións evidencian unha falta de conexión coa realidade do territorio e cos proxectos que están a xerar dinamismo económico e social, e que a exclusión da Geira e Arrieiro non só prexudica a visibilidade dunha ruta en crecemento, senón que tamén limita as oportunidades de desenvolvemento turístico sostible para os concellos polos que discorre.

Por todo isto, solicitan ao Xeodestino Ribeiro-Carballiño unha revisión inmediata dos seus criterios de promoción turística, así como unha maior transparencia e coherencia na xestión dos fondos públicos, ao entender que “o futuro do noso territorio non pode construírse sobre decisións que ignoran a realidade e o potencial existente”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------