O Concello da Arnoia programa para o vindeiro domingo 17 de maio, Día das Letras Galegas, unha andaina para desfrutar da natureza e da práctica do deporte nesta xornada tan especial para as galegas e os galegos.
Así, propóñense dúas rutas, unha longa de 20 km e outra máis curta, de 12 km, ambas de dificultade media-baixa e con saída dende o pavillón de A Queixeira, onde se dará lectura, ás 9,00 horas, dun manifesto alusivo ás letras galegas antes da partida.
As inscricións para participar na andaina pódense efectuar ata o 12 de maio cun ingreso de 12 euros por persoa na conta corrente do Concello, e logo enviar un correo electrónico co concepto ‘Andaina’ á dirección info@arnoia.es co nome e apelidos, DNI, teléfono, talla de camiseta e xustificante de pago. Todo elo inclúe avituallamento durante as rutas, duchas e pinchos ao remate da actividade.
Os participantes terán a oportunidade de recoller os seus dorsais en horario de oficina na Casa do Concelloata o 14 de maio, ou o propio día da andaina, 17 de maio, de 8,15 a 08,45 horas, no mesmo punto de saída.









