O Concello de Ribadavia promove a posta en marcha do I Festival de Monicreques do Ribeiro (‘Ribeirocreques 2026’), unha nova proposta cultural que nace coa vocación de converterse nun evento escénico de referencia na provincia de Ourense e no conxunto de Galicia. O festival desenvolverase de maneira itinerante do 11 ao 14 de xuño entre os concellos de Ribadavia, Leiro e Beade, baixo a produción de Luart Producciones, creando unha programación cultural compartida que levará os espectáculos a diferentes espazos públicos e culturais da comarca do Ribeiro.
‘Ribeirocreques 2026’ ofrecerá unha programación diversa de espectáculos de monicreques dirixidos a públicos infantil, familiar e adulto, apostando por unha oferta inclusiva e de calidade capaz de atraer tanto á veciñanza como a visitantes. A iniciativa contará coa participación de 12 compañías profesionais especializadas nas artes do monicreque e combinará propostas de rúa e de sala e espazos con convencionais, favorecendo a creación dun ambiente cultural dinámico e accesible para todos os públicos.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Ademais dos espectáculos, o festival incorporará actividades complementarias orientadas á participación cidadá e á mediación cultural, reforzando o vínculo entre as artes escénicas, o territorio e a comunidade. Con esta iniciativa, os concellos participantes buscan impulsar a descentralización cultural, promover a cooperación institucional e contribuír á dinamización social, cultural e turística da comarca do Ribeiro.
A primeira edición deste festival aspira así a consolidarse como un novo espazo de encontro arredor das artes escénicas e do teatro de monicreques, poñendo en valor a cultura como ferramenta de cohesión e desenvolvemento territorial.









