O programa RE-HABITA RURAL LAB continúa o seu percorrido polos concellos da provincia cunha nova cita en Boborás. Esta iniciativa, que xa leva atendidas máis de 110 consultas nos nove municipios participantes, ten como obxectivo principal ofrecer orientación técnica e administrativa a todas aquelas persoas que posúan unha vivenda no rural e non saiban como abordar a súa rehabilitación, posta en valor ou regularización.
A xornada celebrarase o luns 18 de maio na Casa do Concello de Boborás, en horario de 9:30 a 14:00 h. As persoas interesadas deberán solicitar cita previa chamando ao 988 402 008, xa que a atención será personalizada e por orde de reserva.
Que tipo de asesoramento se ofrece?
Durante esta sesión presencial, as persoas asistentes poderán obter información detallada e resolución de dúbidas sobre cuestións crave como:
- Axudas públicas dispoñibles para a rehabilitación de vivendas no medio rural.
- Trámites administrativos e preparación da documentación necesaria.
- Situacións catastrais e rexistrais: herdanzas, licenzas, regularización de datos no Catastro ou no Rexistro da Propiedade.
- Posibilidades de uso: desde vivenda habitual ou alugueiro ata venda ou outros aproveitamentos compatibles.
Tamén por vía telemática
Para quen non poida desprazarse ou prefira realizar as súas consultas en remoto, o proxecto RE-HABITA RURAL LAB pon á disposición dúas canles adicionais:
- Correo electrónico: eibisa@eibisa.es
- Teléfono: 981 257 546
- Horario de atención: de luns a venres, de 8:00 a 16:00 h



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Seguirán máis xornadas presenciais
Desde a organización avanzan que está prevista a celebración de novas sesións de asesoramento presencial noutros puntos e datas, que se irán comunicando oportunamente. Deste xeito, o programa RE-HABITA RURAL LAB consolídase como unha ferramenta clave para frear o abandono das vivendas no rural, favorecer o repoboamento e poñer en valor o patrimonio construído dos concellos galegos.
Non deixes pasar a oportunidade de poñer ao día a túa vivenda rural. Reserva a túa cita e comeza a habitar o rural.









