O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, acompañado da alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, destacou hoxe a importancia do investimento do Goberno de España para a posta en valor do conxunto histórico de Pazos de Arenteiro, que recibirá 2.637.003 euros do Ministerio de Industria e Turismo.
O proxecto foi seleccionado dentro do Programa de Mellora da Competitividade e Revitalización do Patrimonio Histórico con Uso turístico en Bens de Patrimonio Cultural (BIC), sendo o único da provincia de Ourense beneficiado nesta convocatoria estatal, que mobilizou un total de 207,6 millóns de euros para 89 proxectos en toda España. En Galicia foron financiadas catro iniciativas, cun investimento total de 9,6 millóns de euros.
Eladio Santos aproveitou a súa visita ao conxunto histórico de Pazos de Arenteiro para por en valor “a aposta clara e importante do Goberno de España polo rural”, subliñando que este investimento “permitirá impulsar o potencial turístico de Pazos de Arenteiro e reforzar a cohesión social e territorial”. Neste senso, o subdelegado do Goberno explicou que as actuacións previstas “permitirán mellorar de maneira integral as cinco aldeas que conforman o conxunto histórico, favorecendo tanto a conservación patrimonial como a calidade de vida da veciñanza e a experiencia das persoas visitantes”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Entre as actuacións que se inclúen no proxecto atópanse a pavimentación de rúas mediante a substitución de asfalto por materiais máis integrados coa contorna, como adoquíns ou formigón acanalado; o soterramento das liñas eléctricas de media tensión, tanto das telecomunicacións como das instalacións de iluminación pública para reducir o impacto visual; así como a renovación das luminarias co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética e a calidade da iluminación. Ademais, rehabilitarase unha propiedade municipal actualmente deteriorada para destinala a usos turísticos e culturais. O inmoble contará cun centro de interpretación do conxunto histórico, unha aula de formación e un espazo dixital.
Finalmente, o proxecto contempla tamén a renovación do mobiliario urbano para contribuír ao embelecemento das cinco aldeas e reforzar o atractivo turístico dun dos enclaves patrimoniais máis singulares da provincia. A alcaldesa Patricia Torres agradeceu o apoio do Goberno de España e destacou que esta actuación “supón unha oportunidade histórica para consolidar Pazos de Arenteiro como referente turístico e patrimonial do interior de Galicia”.









