A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) celebrará do 17 ao 25 de xullo de 2026 a súa 42ª edición, no segundo ano da dirección artística encabezada por Sabela Mendoza e Gena Baamonde, que continúan a apostar pola creación contemporánea, a diversidade de linguaxes e formatos e a capacidade da escena para activar pensamento crítico e experiencia colectiva.
A MIT 2026 comeza agora a adiantar algúns dos nomes e liñas curatoriais dunha edición inspirada na idea de “cita”: o encontro coas outras, coa memoria, coas escenas que nos fan vibrar. A importancia de recoñecernos e nomearnos. En palabras da dirección artística: “A MIT é a mesma e diferente cada ano. Regresar á Mostra é manter o hábito do extraordinario, o costume de sorprendernos. En tempos escuros, a arte segue sendo un refuxio colectivo para o posible”.
Nesta edición destaca unha programación que reivindica a memoria histórica como ferramenta para pensar o presente político e social, nun contexto marcado polo avance dos discursos autoritarios, as guerras abertas e as novas formas de violencia colonial e extractiva.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Nese marco abrirá a MIT a compañía galega Chévere con ICTUS (anatomía de ‘A derradeira leición’ de Castelao), a súa última creación en coprodución co Centro Dramático Nacional, arredor da memoria histórica, a democracia e os efectos da desmemoria, que leva como fío conductor a emblemática pintura de Castelao. A peza incorpora lingua de signos e audiodescrición integrada na narrativa, entre outras medidas de accesibilidade.
Teatro Experimental do Porto presentará ‘José Afonso, ao vivo nos Coliseus, 1983’, unha proposta escénico-musical de gran formato que revisita memoriaportuguesa para traela ao presente a través da figura do cantautor Zeca Afonso, autor do popular Grândola, Vila Morena, símbolo da Revolución dos Cravos.
A compañía A Feroz presentará a estrea estatal de A Fortaleza, coprodución co Centro Dramático Galego e o festival FITEI do Porto. A obra, dirixida pola portuguesa Raquel Sousa e con dramaturxia de Lorena Conde e da propia Sousa, recupera a memoria das guerrilleiras antifranquistas galegas a través da figura da maqui Consuelo Rodríguez López “Chelo”.
Tres traballos que revisitan as ditaduras ibéricas, os movementos de resistencia antifascista e os procesos colectivos que fixeron posible a chegada da democracia en España e Portugal.
Desde unha dimensión íntima e autobiográfica, Mi madre y el dinero da compañía mexicana Pornotráfico afonda nas consecuencias do colonialismo económico e da violencia do capitalismo global. En escena, o autor Anacarsis Ramos comparte espazo coa súa nai nun exercicio de reconstrución autobiográfica atravesado pola pobreza, a violencia e a extracción colonial.
Outra das grandes apostas da MIT 2026 será a presenza da música e do son como elementos mobilizadores. Concertos escénicos e creacións híbridas que exploran arredor da capacidade da música e do ritmo para producir experiencia compartida, activar afectos e convocar comunidade. O espectáculo de Teatro Experimental do Porto, que trae ao presente o espíritu de celebración colectiva dos últimos concertos de José Afonso, é tamén un claro exemplo desta liña do programa.
A creadora galega Cris Balboa chega á MIT con Roland mon amour, en coprodución do Centro Dramático Nacional e o Centro Dramático Galego, un monodrama construido desde a música electrónica, o corpo e a palabra no que conviven humor, ironía, celebración e vulnerabilidade para falar do presente e da condición de ser artista no noso tempo.
A Premio Nacional de Danza Janet Novás, neste caso acompañada da creadora musical Mercedes Peón, presentará Mercedes máis eu, unha peza de danza e música en directo arredor do ritmo, da escoita e da construción dun “común sensible”, que escollerá Ribadavia para a súa despedida dos escenarios.
A bailarina canaria Paula Quintana presentará Atlas de anatomía, un solo acompañado por un coro de voces en directo, entre flamenco bastardo e danza contemporánea, que afonda na identidade, na mestizaxe e nas posibilidades de transformación do corpo.
A MIT 2026 reivindica tamén a escena como lugar de encontro co outro e co descoñecido, abrindo espazos para pensar os corpos, os coidados e as formas de relación desde perspectivas non normativas.
Nesta liña sitúanse propostas como Estudio para una extracción de Poliana Lima, unha peza que explora o invisible, o fantástico e o onírico presentes nos corpos; ou Hospital de campo de Societat Doctor Alonso, centrada nas prácticas colectivas dos coidados e acompañada do taller El desenterrador, arredor dos significados ocultos das palabras e das ideas.
A programación galega da MIT 2026 incorpora tamén proxectos que fortalecen os vínculos internacionais da creación galega contemporánea. En colaboración coa Bienal de Artes Vivas de Pontevedra, a MIT acollerá por primeira vez unha peza do recoñecido coreógrafo francés Jérôme Bel interpretada pola actriz e performer galega María Roja, primeira tradución ao galego deste traballo. No ámbito das artes vivas, a creadora galega afincada en Suíza Begoña Cuquejo presentará Enchivas, xunto á performer e matemática mexicana Erika Roldán, peza que cruza arte, matemáticas e fútbol desde unha perspectiva feminista e participativa.
Con moitos outros nomes aínda por confirmar, a 42ª edición da MIT presentará un total de 25 espectáculos e máis de dez actividades paralelas de mediación e formación, con programación diaria en distintos espazos da vila. Xunto á programación artística, a Mostra reforzará os seus espazos de encontro profesional, intercambio e pensamento compartido.
Promovida polo Concello de Ribadavia, a MIT conta un ano máis co apoio da Xunta de Galicia, o Ministerio de Cultura e a Deputación de Ourense, entre outras entidades e patrocinadores habituais, ás que este ano se une AC/E Acción Cultural Española a través do programa PICE.

















