O Concello de Boborás presentou esta mañá, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, unha nova edición de “1809. A Batalla de Pazos de Arenteiro”, a única festa de recreación histórica napoleónica que se celebra na provincia de Ourense, e que terá lugar o vindeiro 30 de maio de 2026.
Na rolda de prensa participaron a alcaldesa de Boborás, Patricia Torres; a presidenta da Asociación Cultural “1809. A Batalla”, Elvira Santiago; o deputado de Representación Institucional da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; e o xefe da Área Provincial de Ourense da Axencia de Turismo de Galicia, Cecilio Santalices.

Durante a presentación destacouse a singularidade dunha celebración que recupera os feitos acontecidos en Pazos de Arenteiro durante a Guerra da Independencia, cando as tropas napoleónicas foron detidas neste enclave pola resistencia liderada por Cachamuíña e pola veciñanza da contorna. Tras aquela batalla constituíuse o Batallón do Ribeiro, que posteriormente tivo un papel destacado na liberación da cidade de Vigo.
O deputado de Representación Institucional da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, puxo en valor a consolidación desta festa, que se vén celebrando desde o ano 2017, e destacou que se trata dunha cita única na provincia de Ourense, pola que “merece a pena seguir apostando”, ao tempo que animou á veciñanza e visitantes a achegarse a Pazos de Arenteiro.
Pola súa banda, a presidenta da Asociación Cultural “1809. A Batalla”, Elvira Santiago, destacou o orgullo que supón para a entidade e para todo o voluntariado sacar adiante unha nova edición desta recreación histórica. Santiago lembrou que levan moitas semanas traballando na organización e convidou a todo o mundo a achegarse o 30 de maio para desfrutar dunha festa feita desde a implicación colectiva e o amor pola historia do lugar.

O xefe da Área Provincial de Ourense da Axencia de Turismo de Galicia, Cecilio Santalices, incidiu na importancia desta celebración desde o punto de vista turístico, pola súa capacidade para atraer visitantes, dinamizar o territorio e xerar un impacto positivo na contorna. Tamén sinalou que nas ocasións nas que estivo presente quedou sorprendido pola forza visual, escénica e emocional da recreación.
A alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, destacou que “1809. A Batalla de Pazos de Arenteiro” é a única festa de recreación histórica napoleónica da provincia de Ourense, un feito que “marca unha diferenza e sitúa a Boborás e a Pazos de Arenteiro nun lugar propio dentro das celebracións históricas de Galicia”.
Torres explicou tamén que nesta edición se decidiu modificar a data habitual da celebración co obxectivo de evitar as altas temperaturas do verán e afastala dun período cunha elevada oferta de festas e actividades. Así mesmo, salientou que a recreación “converte o patrimonio de Pazos de Arenteiro nun escenario vivo da historia, capaz de emocionar, atraer visitantes e reforzar o orgullo polo territorio”.
A alcaldesa puxo en valor, ademais, o traballo de colaboración con outras festas históricas e recreacións de referencia. Neste sentido, lembrou que este ano a celebración contará coa colaboración dun membro da Reconquista de Vigo, dentro dunha liña orientada a crear sinerxías con outras citas similares, como xa acontece dende hai tres anos coa Batalla de Rande.
Un dos elementos máis especiais da festa é a implicación directa da veciñanza e do voluntariado, non só de Pazos de Arenteiro, senón tamén doutros puntos do Concello de Boborás e mesmo de fóra do municipio e da provincia. As escenas son interpretadas por persoas sen experiencia profesional no teatro, que se implican de maneira altruísta para dar vida a esta memoria histórica.
Nesta edición haberá novas escenas e outras modificadas, e nalgúns casos será o propio público quen participe nas representacións, con persoas escollidas ao azar, facendo que a experiencia sexa aínda máis inmersiva e participativa.
A programación desenvolverase ao longo de toda a xornada, desde as 11:00 horas, con visitas guiadas por Pazos de Arenteiro, mercado artesán, recuncho infantil, obradoiros de Artesanía de Galicia, campamento francés, música, maxia familiar, loita de espadas e diferentes recreacións teatralizadas polas rúas do pobo.
As visitas guiadas permitirán coñecer mellor Pazos de Arenteiro, declarado Conxunto Histórico-Artístico, e descubrir o seu valor patrimonial, arquitectónico, paisaxístico e histórico.
O momento central chegará ás 20:30 horas, coa representación de “A Gran Batalla. Ponte sobre o río Avia”. A xornada completarase coa hora do xantar e da cea e coa actuación musical do grupo Feitizo de Pau, que ofrecerá tamén un concerto ás 22:00 horas.
Desde o Concello de Boborás agradeceuse o apoio da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, polo seu patrocinio económico e pola colaboración na promoción dunha iniciativa que contribúe á dinamización cultural, turística e económica do territorio.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O Concello convidou á veciñanza e visitantes a achegarse o vindeiro 30 de maio a Pazos de Arenteiro para vivir unha xornada de historia, patrimonio, cultura, música, artesanía e emoción.
A historia séntese. A historia vívese. Pazos de Arenteiro agarda o 30 de maio.
En Ourense, 28 de maio de 2026









