A Praza de Abastos celebrou con degustacións, catas e sorteos a súa singularidade como mercado de calidade

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Xunta de Galicia celebrou o pasado sábado, 30 de maio, a campaña europea Quere o teu mercado en 41 prazas de abastos localizadas en 31 concellos de toda Galicia, o que supón a implicación de arredor de 1.800 praceiras e praceiros. O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, desprazouse a primeira hora da mañá ata a Praza de Abastos do Carballiño, onde destacou o papel fundamental dos mercados de proximidade e a posta en marcha do proxecto de 1,5 millóns de euros que posibilitará a reforma integral do edificio e así poder transformalo nun ‘mercado excelente’.

Alí foi recibido polo alcalde en funcións, José Castro-Gil; a concelleira de Medio Ambiente e Termalismo, Elvira Torres; o concelleiro de Turismo e Industria, Manuel Dacal; o deputado no Parlamento por Ourense, Argimiro Marnotes; a xerente do Centro Comercial Aberto, Noelia Mares, e o representante dos praceiros, Eligio González.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Gabriel Alén sinalou que a celebración de ‘Quere o teu mercado’ contribúe a consolidar as prazas de abastos como puntos neurálxicos da comercialización de produtos frescos de proximidade, ademais de como centros de actividades complementarias que inciden de xeito decidido na dinamización das vilas e cidades galegas.

Os clientes que se achegaron ata o mercado do Carballiño foron agasallados con bolsas da compra, degustación de produtos locais e tamén tiveron a oportunidade de catar viños da D.O. Ribeiro, servidos pola adega Pazo Tizón de Moldes (Boborás). Unha vez sobrepasado o mediodía, procedeuse ao sorteo de dúas cestas con produtos entre as persoas que realizaron as súas compras na Praza da Abastos na campaña de promoción iniciada o 1 de maio.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------