A Ruta do Viño do Ribeiro puxo o broche final á 15ª edición da ‘Primavera de Portas Abertas’ nas Rutas dos Viños de Galicia, unha iniciativa organizada por Turismo de Galicia en colaboración cos cinco roteiros do viño das denominacións de orixe galegas e que, unha vez máis, logrou un importante éxito de participación. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, acompañado polo alcalde de Castrelo de MIño, Avelino Pazos, visitou a adega Ramón do Casar, ubicada neste municipio, onde destacou que máis de 2.400 persoas participaron este ano nas distintas actividades programadas nos 91 establecementos adheridos á iniciativa, entre adegas, restaurantes e aloxamentos. Delas, máis de 700 fixérono a través dos 32 buses do viño habilitados para facilitar os desprazamentos desde diferentes puntos da comunidade.
Xosé Merelles destacou que “a Primavera de Portas Abertas é xa unha cita consolidada dentro da oferta turística galega e un exemplo do potencial que ten o enoturismo para atraer visitantes, dinamizar o territorio e poñer en valor o noso patrimonio vitivinícola”. “Os excelentes resultados desta edición confirman o interese crecente por este tipo de experiencias, que combinan viño, gastronomía, paisaxe e cultura, e que contribúen a reforzar a posición de Galicia como destino de referencia no ámbito do enoturismo”, sinalou.
Turismo de Galicia investiu este ano un total de 225.000 euros nesta iniciativa, que chegou á súa décimo quinta edición cun calendario de preto de un centenar de actividades distribuídas ao longo dos meses de maio e xuño. En total organizáronse 61 propostas, entre visitas guiadas a viñedos e adegas, roteiros de sendeirismo e en barco, catas comentadas, maridaxes e talleres temáticos.
A celebración da Ruta do Viño do Ribeiro clausurou esta edición cun programa integrado por 15 actividades promovidas polo propio roteiro, polo Museo do Viño de Galicia, adegas da zona e empresas colaboradoras. Entre as propostas desenvolvidas figuraron catas e aperitivos con vermú artesanal, pícnics entre viñedos, talleres de decoración de copas, un rally fotográfico para captar a paisaxe da ribeira do Miño e experiencias termais.
Ao longo destes quince anos de traxectoria, a Primavera de Portas Abertas reuniu ao redor de 28.200 participantes en máis de 700 actividades organizadas nos distintos roteiros do viño galegas.

















