O Concello da Arnoia quere manifestar publicamente a súa preocupación pola falta de avances efectivos nunha infraestrutura que leva décadas sendo unha demanda irrenunciable para os veciños e veciñas do municipio: a mellora da conexión viaria entre A Arnoia e Ribadavia mediante a construción dunha nova ponte sobre o río Miño.
As administracións públicas teñen a responsabilidade de garantir infraestruturas seguras, modernas e adaptadas ás necesidades da cidadanía. As comunicacións non son un luxo, senón unha ferramenta imprescindible para fixar poboación, crear emprego, favorecer a actividade económica e garantir a igualdade de oportunidades entre os distintos territorios.
Resulta difícil comprender que, mentres se continúan executando melloras e ampliacións en infraestruturas que xa dispoñen de prestacións moi superiores ás existentes na nosa contorna, unha actuación relativamente asumible desde o punto de vista técnico e económico siga sen materializarse tras décadas de promesas, estudos e anuncios.
As comparacións son sempre odiosas, pero tamén inevitables. Día tras día observamos como se destinan importantes investimentos a mellorar conexións que xa ofrecen elevados niveis de servizo, mentres que a ponte que comunica A Arnoia con Ribadavia continúa sendo unha das grandes materias pendentes das infraestruturas da provincia de Ourense.

Estamos a falar dunha vía de acceso fundamental para os veciños, para os servizos públicos, para a actividade empresarial, para o turismo e para un dos principais destinos termais de Galicia. Cada día que pasa sen unha solución definitiva é unha oportunidade perdida para o desenvolvemento económico e social do territorio.
A Arnoia e o Ribeiro non poden seguir sendo territorios esquecidos. Os seus habitantes teñen o mesmo dereito que calquera outro cidadán a contar con infraestruturas seguras, eficientes e acordes ao século XXI. O equilibrio territorial non pode quedar reducido a discursos; debe traducirse en investimentos reais que permitan corrixir desigualdades históricas.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Por iso, desde o Concello da Arnoia reclamamos ás administracións competentes que prioricen dunha vez por todas esta actuación, que se concreten prazos e compromisos orzamentarios e que a nova ponte deixe de ser unha reivindicación xeracional para converterse nunha realidade.
Porque investir na conexión entre Ribadavia e A Arnoia non é só construír unha ponte. É apostar polo futuro dunha comarca, pola seguridade das persoas e polo dereito de todos os territorios a progresar en igualdade de condicións.









