Dende o pasado xoves, e ata hoxe, domingo, a comarca do Ribeiro estreou unha nova cita cultural chamada a converterse nun referente das artes escénicas, o ‘RibeiroCreques’, un festival de títeres que aposta por crear sinerxias e compartir programación, de xeito que foron tres os escenarios finalmente escollidos, os concellos de Ribadavia, Leiro e Beade.
Así, durante estes catro días, compañías procedentes de Galicia, Portugal e Aragón ofreceron os seus espectáculos para público familiar e adulto, combinando funcións de sala, representacións de rúa, exposicións, obradoiros e actividades complementarias.
A programación comezou na tarde do xoves 11 de xuño co pasarrúas do Xigante Barriga Verde, da compañía Títeres Alakrán, e continou co acto inaugural do festival, no que foi homenaxeada a titiriteira carballiñesa Ana Isabel Rodríguez, pioneira deste tipo de espectáculos aló polo ano 1974 como integrante da Asociación Cultural Avantar da vila do Arenteiro. A xornada pechábase coa representación de Emerxir, da compañía portuguesa Valdevinos Teatro de Marionetas, na Casa da Cultura de Ribadavia.

As funcións escolares de Fantoches Baj e Mircromina Teatro de Títeres en Ribadavia e Leiro abrían o programa do venres, no que se inauguruou o ‘Mercadiño dos Creques’ na Alameda de Ribadavia, aínda aberto hoxe. Pola tarde, tiveron lugar asrepresentacións de Dom Roberto, de Valdevinos Teatro de Marionetas; Vacacións no mar, de Mircromina Teatro de Títeres; e Desconexión, de Títeres Alakrán, rematando coa proposta para público maior de 16 anos Grazas pola súa visita, de Uxía Algarra.
Onte, sábado, a exposición interactiva cinética de Trécola Producións abríu a actividade da xornada na Igrexa da Madalena, mentres que Fantoches Baj presentou A viaxe feliz de Ramón Sanfiz na subsede de Beade. Os Monifates representaron Chegan os Monifates en distintos espazos de Ribadavia pola tarde, contando tamén coa escenificación de Ou grúfalo, de Carmen Domech, e de dúas funcións de Olvido Flores, de Estefanía de Paz Asín, pechando a actuación de Luart Producións.
E hoxe, domingo, o ‘RibeiroCreques’ chega ao seu fin cunha nova representación de Ou grúfalo, de Carmen Domech, na Alameda de Ribadavia. A exposición interactiva de Trécola Producións volverá abrir as súas portas na Igrexa da Madalena e o público poderá visitar tamén a Mostra de Títeres en Miniatura (Lambe Lambe) na Alameda. O festival despedirase ás 18,30 horas cun concerto de peche a cargo da Banda A Lira.

















