Castrelo de Miño honra as súas tradicións nas celebracións de San Antonio de Padua en Albín e Souto

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello de Castrelo de Miño viviu esta fin de semana unha intensa xornada de celebración arredor da festividade de San Antonio de Padua, unha cita que volveu reunir a centos de veciñas e veciños en diferentes puntos do municipio para manter vivas as tradicións herdadas dos seus antepasados.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Pola mañá, a aldea de Albín, na parroquia de Macendo, celebrou os actos relixiosos en honra ao seu patrón. A veciñanza participou na tradicional procesión que percorreu as rúas da aldea, acompañando a imaxe de San Antonio de Padua ata a súa capela, onde posteriormente se oficiou a misa solemne.

O alcalde de Castrelo de Miño quixo acompañar aos veciños e veciñas nesta emotiva celebración, destacando o valor que teñen estas manifestacións populares para preservar a identidade e a memoria colectiva do rural galego.

Tras os actos en Albín, o rexedor desprazouse ata Souto para participar tamén nas celebracións dedicadas a San Antonio de Padua, compartindo coa veciñanza unha nova xornada de devoción, encontro e convivencia arredor dunha das festividades máis arraigadas do municipio.

Xa pola noite, Souto converteuse no centro da celebración coa tradicional Festa do Mexillón e da Sardiña, unha cita gastronómica e festiva que congregou a numerosos asistentes e que serviu para poñer en valor produtos tan representativos da nosa gastronomía ao tempo que fomentou o encontro entre veciños, familiares e visitantes.

O alcalde salientou a importancia destas celebracións como exemplo da riqueza cultural e social de Castrelo de Miño: “É unha satisfacción comprobar como as nosas aldeas continúan mantendo vivas tradicións que forman parte da nosa historia e da nosa identidade. Festas como as de Albín e Souto son unha mostra do compromiso da veciñanza coa conservación do noso patrimonio cultural e coa transmisión destes valores ás novas xeracións”.

O Concello de Castrelo de Miño agradece o traballo das comisións de festas, asociacións e veciñanza que fan posible, ano tras ano, a organización destas celebracións que contribúen a fortalecer a vida comunitaria e a preservar as tradicións que definen o noso territorio. Unha forma de recoñecer o esforzo de tanta xente que colabora desinteresadamente para que estas xornadas sexan un éxito e para que o noso patrimonio inmaterial siga máis vivo que nunca.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------