O vindeiro luns 29 de xuño dará comezo unha nova campaña de escavacións no Castro de San Vicenzo de Avión, promovidas unha vez máis pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de San Xusto e a Asociación Cultural ‘Vive Avión’. O novo de prospeccións estará novamente dirixido polo arqueólogo Jorge Lamas Bértolo.
O finanzamento das escavacións corre a cargo, na súa meirande parte, da CMVMC de San Xusto, se ben ‘Vive Avión’ fai unha aportación económica, contando ademais coa colaboración do Concello de Avión e coa autorización pertinente da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.
Dende a Comunidade de Montes e ‘Vive Avión’ convidan a todas aquelas persoas interesadas en coñecer o avance do proceso arqueolóxico a que se acheguen ata o Castro de San Vicenzo, xa que se trata de escavacións abertas e poden ser visitadas en calquera momento.









