A OPOSICIÓN DE LEIRO DENUNCIA O “ESTILO CACIQUIL” E A “FALTA TOTAL DE TRANSPARENCIA” DO GOBERNO LOCAL NA PRESENTACIÓN DA CARREIRA POPULAR
- Os concelleiros da oposición acusan ao Concelleiro de Deportes de ocultar deliberadamente a presentación oficial do evento deportivo máis importante do municipio.
- Pedro José González: “O Concello non é o cortizo privado de ninguén, representamos a unha parte moi importante da veciñanza que hoxe foi ninguneada pola soberbia do goberno”.
Leiro, 19 de xuño de 2026. – Os concelleiros da oposición no Concello de Leiro denunciaron publicamente o “escurantismo” e a “absoluta falta de respecto institucional” por parte do grupo de goberno e, especificamente, do Concelleiro de Deportes, tras ser excluídos e non ser informados da presentación oficial da 42ª edición da Carreira Popular de Leiro, celebrada hoxe no consistorio.
Os representantes da oposición cualificaron de “intolerable” que os membros da corporación municipal teñan que decatarse dos actos oficiais do propio Concello a través das redes sociais. Para a oposición, esta actitude non é un feito illado, senón unha mostra máis dun xeito de facer política baseado no sectarismo, no amiguismo e na patrimonialización das institutiones públicas que pagamos entre todos.
”O Concello non é un cortizo”
O concelleiro Pedro José González González amosouse tallante ante este novo atranco á labor da oposición: “A Carreira Popular é un evento histórico que pertence a todos os veciños e veciñas de Leiro, non ás siglas dun partido nin ao interese dun concelleiro en concreto. Deixar fóra á oposición é un desprezo á representatividade democrática do noso pobo, xa que ao intentar invisibilizarnos a nós, o que fan realmente é darlle as costas a unha parte fundamental da veciñanza de Leiro que nos elixiu para esixir claridade, igualdade e respecto”.
González engadiu coa máxima contundencia que “esta xentiña pensa que o Concello é o seu cortizo particular. Bloquear a información e esconder os actos institucionais só demostra que o goberno confunde a maioría absoluta coa propiedade privada do pobo”.
Un historial de atrancos á transparencia e ao respecto veciñal
Desde a oposición, encabezada polos concelleiros Manuel Rodríguez e Pedro José González, lembran que este episodio se suma a unha longa e preocupante lista de dificuldades para acceder á información municipal e exercer o labor de fiscalización diario. “Presumen de transparencia cara a fóra, pero de portas para dentro aplican o rodillo e prefiren gobernar ás agachadas, de costas á realidade do municipio e á representación lexítima dos cidadáns”, sinalan os representantes.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Para os concelleiros, un evento deportivo desta magnitude, que require o esforzo de patrocinadores, voluntarios e do propio persoal municipal, non debería ser utilizado como un escaparate propagandístico exclusivo do grupo de goberno.
Reclamación de educación institucional e claridade
O grupo da oposición esixe unha rectificación pública inmediata por parte do responsable de Deportes. Así mesmo, esixen o compromiso firme de que se informe á oposición de xeito claro, por escrito e coa antelación necesaria, respectando aos veciños que representamos e deixando atrás dunha vez por todas o escurantismo de sempre. “Gobernar para todos significa escoitar e incluír, non esconderse nin poñer trabas a quen ten a obriga de controlar o diñeiro público”, conclúen.









