A programación da XXXIII Festa de Exaltación do Pan de Cea arrancará este domingo 28 de xuño coa X Andaina Solidaria, dedicada nesta ocasión á Asociación Española contra o Cancro Ourense. O sábado 4 de xullo terá lugar a XII Ruta dos Fornos e o domingo 5 de xullo o Campo da Saleta de San Cristovo de Cea acollerá esta tradicional festa popular na que tomarán parte os 12 fornos adheridos ao Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pan de Cea, que agardan vender máis de 1.500 pezas durante a celebración.
Así se anunciou esta mañá durante a rolda de prensa de presentación da edición número 33 da Festa de Exaltación do Pan de Cea. Un acto no que participaron o deputado provincial e presidente do Inorde, Rosendo Fernández; o alcalde de San Cristovo de Cea, José Luís Valladares, e o presidente da IXP Pan de Cea, Juan Luís Calviño, que por primeira vez participaba nesta presentación e que puxo en valor o traballo artesanal que fan cada día os fornos da vila de San Cristovo de Cea, lembrando o lema da recente campaña: “O Pan que se escribe a man”.
Rosendo Fernández destacou que falar de Pan de Cea é falar de “tradición, calidade e identidade dun pan que foi o primeiro en conseguir o selo da IXP de todos os pans de Europa e que é un produto indispensable da gastronomía de Ourense”. Así mesmo, fixo referencia ao tema deste ano: “O pan do mar”, lembrando que “é un avance máis de que o Pan de Cea é indispensable para todo bo manxar, para toda boa gastronomía. Un exemplo que forma parte do noso patrimonio enogastronómico”.
O alcalde Juan Luís Valladares agradeceu o apoio da Xunta de Galicia, da institución provincial e do Concello de Cea a esta Festa de Interese Turístico que enxalza un produto tradicional con tanta historia e traxectoria. Coincidiu con Rosendo Fernández en que “o Pan de Cea é o mellor pan do mundo, e as probas me remito”, recordando as anécdotas xurdidas durante o proceso para a obtención da Indicación Xeográfica Protexida. “A gran novidade deste ano é a presenza do novo presidente do consello regulador, Juan Luís Calviño, a quen animo a seguir a senda do traballo realizado por Carlos Manuel Rodríguez, quen foi a alma máter da consecución da IXP e con quen superamos bastantes complicacións”, lembrou Valladares. O alcalde rematou convidando a todos á festa do 4 e 5 de xullo salientando que “a xente é moi receptiva” e que xa ten decretado que fará bo tempo.
X Andaina solidaria
Finalmente, tras os agradecementos aos organismos e entidades colaboradoras, o presidente do Consello Regulador presentou o programa definitivo de actividades. O pistoletazo de saída darao a décima edición da Andaina Solidaria, que espera reunir a máis de 2.000 persoas en apoio á Asociación Española contra o Cancro Ourense este domingo 28 de xuño. As persoas participantes poderán elixir entre dous percorridos: un longo de 22 km e un curto de 11 km. Ambos sairán da Praza Maior de Cea, ás 9:00 horas o longo e ás 10:00 horas o curto. Media hora antes de cada saída estarán os dorsais dispoñibles para recoller, así como un agasallo da organización para todas as persoas participantes.
“Os participantes no percorrido longo achegaranse ata Oseira, recentemente declarado como o pobo máis bonito de toda España”, sinalou Juan Luís Calviño, quen tamén indicou que “ao final haberá un pincho con produtos galegos de calidade, co Pan de Cea como protagonista”. A sinalización da andaina conta con frechas de cor azul para o percorrido curto e frechas de cor laranxa para o longo, cunhas cintas brancas e vermellas que indican o sentido correcto. A andaina contará con puntos de avituallamento, tanto sólido como líquido. Ao rematar, haberá tamén servizo de duchas.
Para anotarse é preciso ingresar 10€ na conta de Abanca (ES49 2080 5291 3930 4003 5738) e enviar o xustificante ao 672 122 300 (por WhatsApp) ou ao mail andaina@concellodecea.com. A persoa participante recibirá polo medio escollido o número de dorsal asignado, que poderá solicitar na saída.
XII Ruta dos Fornos
Na seguinte fin de semana, o sábado 4 de xullo terá lugar a XII Ruta dos Fornos, “unha experiencia gastronómica singular que chega á súa edición número doce e que de seguro colgará o carné de non hai tickets como en anos anteriores”, destacou Juan Luís Calviño. Unha actividade consolidada, que crece ano tras ano e que ademais de percorrer 7 antigos fornos ofrecerá aos participantes petiscos elaborados con produtos de calidade, entre os que se atopa por suposto o Pan de Cea. Todo un percorrido que estará amenizado polos grupos de música tradicional: Ministreles, grupo de Monforte de Lemos que debuta este ano; Feitizo de Pau, de San Cristovo de Cea e presentes dende a primeira edición; Candaira (Castelo do Val) e Mágoa (A Coruña).
As entradas xa están á venda por 10 euros na Casa do Concello de Cea e nos bares A Casa dos Caretas, Bar Paxariño, Kanela Drink e Sol y Luna ata o venres 3 de xullo ou rematar existencias. Cada entrada leva incluído un vaso, que poderá recollerse o propio sábado 4 de xullo na Praza Maior, e 8 petiscos a degustar nos fornos. O viño e a auga serán de libre consumición e a cervexa suporá un custe a maiores de 1 euro, a través de tickets que poderán adquirirse na propia Praza Maior.
Completarán a xornada de Ruta dos Fornos a maxia na rúa con Pablo Estévez, Anton Noriega e Aris Villarino. Ás 20:00 horas, concerto na Praza da Cebola a cargo de Logan, que ofrecerá un percorrido polo mellor do pop rock das últimas décadas con pinceladas dos éxitos máis actuais. Seguidamente, ás 22.30 horas, música tradición e festa únense nun evento único: Queiman Folk Rock, un concerto cheo de forza, raíces, folk, rock e pirotecnia que fará vibrar a toda a veciñanza e persoas visitantes nunha noite inesquecible. A fin de festa terá lugar ás 0:00 horas da man de D´Crooners Band (Boiro), grupo de versións cun repertorio que inclúe grandes temas de soul, rock, pop latino e jazz do século XX; e unha sesión Pop-Rock a cargo de DJ K4IN.
XXXIII Festa de Exaltación do Pan de Cea
O domingo 5 de xullo, a recepción de autoridades terá lugar ás 12:00 horas. Quince minutos despois, ás 12:15 horas inaugurarase a exposición fotográfica “Pan de Cea” e presentarase o libro fotográfico “San Cristovo de Cea, onde o pan é Arte”, no edificio Multiusos de San Cristovo de Cea. A edición deste ano está dedicada ao mar de Galicia, como demostran dous elementos. O primeiro é o propio cartel oficial da Festa, obra do pintor local Xosé González Freixedo “Mitra”, que recolle a idea de que o Pan de Cea marida tanto con produtos da terra coma do mar. O segundo é que pregón desta edición correrá da man da conselleira do Mar, Marta Villaverde, cuxa traxectoria profesional está moi vinculada ao sector primario galego. Despois entregaranse os diferentes recoñecementos a persoas vinculadas co Pan de Cea e con esta vila.
Xa ás 14.30 horas terá lugar o tradicional xantar cos produtos galegos con indicativo de calidade coma protagonistas: empanada da IXP Ternera Gallega, polbo á feira con aceite da empresa ourensá Aceites Abril, carne da IXP Ternera Gallega ao caldeiro con IXP Pataca de Galicia e IXP Castaña de Galicia, acompañado polo Pan de Cea, tamén con IXP. De sobremesa, queixos das DOP de Galicia, acompañados coa IXP Mel de Galicia e café. Todo regado con Sidra de IXP Agricultura Ecolóxica de Galicia, viños galegos con Denominación de Orixe e Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. “Gústame lembrar que temos só capacidade para catrocentas persoas, así que os interesados xa poden mercar as entradas”, recalcou Juan Luís Calviño. Uns tickets que poden comprarse por 35 euros ata o 4 de xullo na Casa do Concello ou nos establecementos hostaleiros A Casa dos Caretas, Bar Paxariño, Kanela Drink e Sol y Luna.
Xa pola tarde, ás 18:00 horas concerto de Amigos do Acordeón Terras de Celanova, ás 19:15 horas, degustación de balde de produtos do mar de Galicia (para as 100 primeiras persoas), e as 20:30 horas fin de festa coa gran orquestra Capitol
Motor económico
O Pan de Cea non é só un produto gastronómico con historia, tamén é un escaparate turístico e un motor económico de San Cristovo de Cea, unha vila enclavada na Vía da Prata e moi preto do Mosteiro de Oseira. O presidente da IXP Pan de Cea lembrou que actualmente esta vila acolle 12 fornos de Pan de Cea, que esperan elaborar este ano 860.000 pezas e que remataron o 2025 con 750.000 pezas e que dende principios de 2026 conta con Juan Luís Calviño como novo presidente, sendo o segundo presidente na historia da IXP Pan de Cea.








