O PSOE DE LEIRO DENUNCIA O “ABANDONO INSTITUCIONAL” DOS RECURSOS TERMAIS: O SPA DE SAN CLODIO PECHADO E O FUTURO DO BALNEARIO DE BERÁN BAIXO INCERTEZA
- Os concelleiros socialistas, Manuel Rodríguez Vázquez e Pedro José González González, esixen respostas inmediatas ante unha situación que cualifican como “un despilfarro intolerable de máis de 4,5 millóns de euros públicos”.
- O grupo socialista rexeita as “excusas baratas” do goberno local e sinala a pasividade do Alcalde ante a falta de xestión efectiva en plena campaña estival.
Leiro, xoves 25 de xuño de 2026. O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Leiro denuncia o estado de parálise absoluta no que se atopan os dous grandes motores termais do municipio, a pesar dos importantes investimentos públicos realizados na última década. O que debería ser a xoia da coroa do desenvolvemento turístico e económico da nosa localidade converteuse, pola inacción do goberno municipal, nun escenario de desolación e deterioro.
Dúas caras dunha mesma moeda: abandono e falta de xestión
A situación que atravesa o sector termal en Leiro é, a xuízo dos concelleiros socialistas, “insostible” e “un insulto aos veciños e veciñas”. A realidade que atopamos é a seguinte:
- Spa do Viño de San Clodio: Tras unha inversión de 1,2 millóns de euros e a reversión á administración autonómica en 2025, a instalación permanece totalmente pechada e sen operador, en plena tempada estival. Un recurso de luxo, dotado con piscinas dinámicas e saunas, que hoxe é un activo desaproveitado e sen actividade ningunha.
- Balneario de Berán: Cun investimento de 3,4 millóns de euros, as instalacións atopanse suxeitas a un proceso de licitación aberto (Expediente 41/2026) que esixe o máximo rigor. O grupo socialista advirte que a historia de “promesas incumpridas” deste balneario non pode repetirse, e que o prazo de adxudicación, que finaliza o 2 de xullo, debe ser supervisado para garantir a viabilidade real do proxecto.
“Non ao candado institucional”
”Mentres o Alcalde consente este candado institucional, o noso sector comercial, hosteleiro e turístico perde dous motores económicos estratéxicos no corazón do Ribeiro”, sinala o portavoz socialista, Manuel Rodríguez Vázquez. O grupo municipal cualifica de “escusa barata” as xustificacións do rexedor, Francisco José Fernández, sobre contactos informais con Turismo de Galicia. “Con conversas verbais de pasillo e sen validez administrativa non se defende o patrimonio de Leiro nin se crea emprego; o Concello non pode ser un mero espectador pasivo en pleno verán”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Esixencias de transparencia e acción
O PSOE de Leiro rexistrou unha solicitude formal baseada no artigo 77 da Lei de Bases de Réxime Local (LRBRL), esixindo:
- Acceso aos expedientes: Copia íntegra de informes e actas que certifiquen os compromisos e prazos de licitación asumidos pola Xunta para o Spa de San Clodio e o Balneario de Berán.
- Estado técnico: Verificación municipal do estado da maquinaria e sistemas de bombeo en ambas instalacións para evitar o seu deterioro irreversible por mor do abandono.
- Acreditación de xestión: Constancia de se o Concello de Leiro enviou algunha queixa formal por escrito esixindo a apertura ou se se limitou á pasividade.
O Grupo Municipal Socialista advirte que non permitirá que esta infraestrutura pública caia no esquecemento institucional e esixe ao goberno local que dea traslado público e inmediato da documentación solicitada. Leiro non pode seguir esperando; o noso futuro económico non pode estar condicionado á desidia de quen ten a obriga de xestionalo con transparencia e responsabilidade.









