O Salón de Plenos da Casa do Concello de Maside será o escenario, o vindeiro martes 30 de xuño, dunha sesión de traballo aberta ás entidades sociais, culturais, deportivas, económicas, ambientais e territoriais do municipio. O obxectivo é avanzar na elaboración da Axenda Urbana da Área Urbana Funcional do Carballiño, un instrumento de planificación estratéxica que pretende harmonizar o desenvolvemento sostible dos cinco concellos que integran esta área: Boborás, O Carballiño, San Cristovo de Cea, Piñor e Maside.

A xornada, que se desenvolverá entre as 19:00 e as 20:30 horas, está convocada pola Deputación de Ourense e o propio Concello de Maside. Durante o encontro, os asistentes revisarán os retos xa identificados na diagnose técnica previa e poderán achegar novas propostas que contribúan a definir as liñas estratéxicas para o futuro do territorio.
A Axenda Urbana, promovida no marco das políticas de cohesión territorial, busca establecer un modelo de crecemento equilibrado, que integre criterios ambientais, sociais e económicos, e que favoreza a coordinación entre os diferentes gobernos locais. A participación cidadá e asociativa considérase clave para que o documento final reflicta as necesidades reais da poboación.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Desde a organización subliñan a importancia de contar co máximo de representación veciñal e sectorial, e lembran que para confirmar a asistencia está dispoñible o teléfono 988 280 606. A entrada é libre e gratuíta, e agarda unha ampla resposta por parte do tecido asociativo de Maside e da comarca.










