A cuarta edición da ‘Xuntanza de Clásicos O Irixo’ superou este pasado sábado todas as expectativas e ao final foron 125 os vehículos inscritos neste evento que organiza a Asociación Clásicos O Irixo coa colaboración dos Concellos do Irixo e Piñor. Un total de 260 persoas que desfrutaron dunha excelente xornada de confraternidade con dúas rutas e diferentes actividades de lecer.
A praza Manuel Penedo da capitalidade municipal acollía dende primeira hora da mañá a concentración dos automóbiles clásicos, que iniciaban o primeiro itinerario cara as terras do veciño municipio de Piñor, cun reagrupamento na praza da localidade de Arenteiro, onde os pilotos tiveron a oportunidade de degustar un aperitivo no bar ‘O Peilán’.
A continuación, comezaba a segunda ruta de volta ao Irixo, ata a chegada á carballeira da Pena da Sela, onde os participantes e acompañantes reuníronse nun xantar, seguido da entrega de premios e sorteos, e sen faltar a festa amenizada musicalmente pola Dúo Trasnos.









